O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, confirmaba este martes a PontevedraViva que, nas últimas horas, unha veciña de Aguedo comunicou que o seu gato recibira un disparo dunha pistola de aire comprimido.
Segundo Abraldes, a cidadá detectoulle ao gato unha ferida na pata que non lle permitía camiñar con normalidade. A causa disto, decidiu levar o animal ao veterinario para curalo e descubriu que o gato tiña a pata rota por mor dun disparo, de feito aínda estaba o balote no corpo do animal.
A veciña transmitiulle esta información acompañada do informe médico do gato ao Concello de Barro e presentou unha denuncia ante as autoridades.
O rexedor expón que o gato está a se recuperar despois da operación e que é a primeira vez que teñen coñecemento de que en Barro ocorre un suceso como este.
A través das redes sociais do Concello comunicaron a situación para concienciar e informar os habitantes do municipio. Abraldes afirma que é complicado atopar á persoa que cometeu o delito, pero considera necesario notificar aos cidadáns por se algunha persoa puidese saber quen realizou este acto.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.