Unha veciña de Sanxenxo estafada na compra por Tik Tok de dúas entradas para un concerto de Karol G

Sanxenxo
23 de febreiro 2024

Un home de 33 anos, con diversos antecedentes policiais, foi identificado como autor dun delito de estafa no que a vítima é unha veciña de Sanxenxo

Un axente da Garda Civil
Un axente da Garda Civil / Guardia Civil

Un home de 33 anos, con diversos antecedentes policiais, foi identificado como autor dun delito de estafa no que a vítima é unha veciña de Sanxenxo.

Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil, o pasado día 19 de decembro denunciaron nas dependencias do Posto da Garda Civil de Sanxenxo un suposto delito de estafa.

Unha veciña da localidade explicou que, o día anterior, iniciara unha conversación a través da aplicación Tiktok para adquirir unhas entradas para un concerto da cantante Karol G que se vai a celebrar o próximo día 22 de xullo no estadio Santiago Bernabeu de Madrid.

Esta sanxenxina compra 2 entradas por un importe de 700 euros. Inicialmente realiza unha transferencia bancaria de 200 euros e a continuación un Bizum de 500 euros, pero unha vez realizado os pagos, a persoa que llas vende, autor do ilícito penal, bloquea á denunciante, polo que non pode falar e tampouco lle envía as entradas por correo electrónico como acordaran. 

Faise cargo da denuncia o Equipo de Investigación da Garda Civil de Sanxenxo, e realízanse diversas xestións encamiñadas á localización do autor do ilícito penal denunciado.

Así, os axentes comproban que a conta á que se transferiu o diñeiro pertence a unha entidade bancaria de Barcelona, e establécese o operativo necesario para comprobar que persoa retira o diñeiro das transferencias.

Finalmente, o pasado 18 de febreiro, no Posto da Garda Civil de Canovellas (Barcelona) procédese a investigar a un home de 33 anos, con diversos antecedentes policiais por feitos similares ao denunciado por esta veciña de Sanxenxo.