Unha viaxe no tempo aos anos 50 para dar a merecida homenaxe á cociña das avoas

Pontevedra
28 de maio 2022

Un Seat 600 irrompeu pasado o mediodía deste sábado na Illa das Esculturas. Todas as miradas se detiveron no seu exterior, pois estaba totalmente tuneado como se acabara de saír da fábrica. Acababa de darse por inaugurada a nova romaría que aspira a quedar fixa no calendario festivo de Pontevedra, o Avoa Fest

Romaría do II Avoa Fest na Illa das Esculturas
Romaría do II Avoa Fest na Illa das Esculturas

Un Seat 600, o coñecido como Seiscentos, irrompeu pasado o mediodía deste sábado na Illa das Esculturas. Todas as miradas se detiveron no seu exterior, pois estaba totalmente tuneado como se aínda datara 1957 e acabara de saír da fábrica. Dous rótulos chamaban especialmente a atención, Capital Gastro no capó e Avoa Fest no lateral. Acababa de darse por inaugurada a nova romaría que aspira a quedar fixa no calendario festivo de Pontevedra, o Avoa Fest. 

O bo tempo deste sábado, con temperaturas superiores aos 30 graos durante practicamente toda a xornada, levou aos pontevedreses a moverse cara ás praias e reduciu a asistencia a esta romaría, que encheu de festa a contorna da Illa do Covo. 

No Seiscentos que causou sensación chegaron á zona da festa os concelleiros de Promoción Económica, Desenvolvemento Sostible e Benestsar Social, Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey. Os tres responderon a un dos chamamentos realizados desde a organización para acudir á festa vestidos dos anos 50. 

Unha parte dos asistentes responderon a este chamamento, que buscaba completar unha viaxe ao pasado para trasladar Pontevedra a unha romaría das de antes, daquelas ás que acudían as avoas, como protagonistas indiscutibles do Avoa Fest.

O Avoa Fest, impulsado no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, organizouse cunha vertente gastronómica moi importante e levou ata esta zona verde ao carón do río a restaurantes da cidade especializados en cociña tradicional.

Como en toda boa romaría, as persoas asistentes puideron comer ben. Ameixas á mariñeira de Casa Digna, Carne ao caldeiro de A Fervella, churrasco de A ponte de Marcón, orella de Casa Cochón, embutidos e choripán de El Maño, pan e empanadas de Mipa e polbo á feira de Pulpeiro de O Carballiño completaron o menú

Alborada, música e animación da época, campionatos de dominó e tute por parellas, un curso para aprender a bailar 'ajarrados', xogos tradicionais e unha verbena con Randeeira, Chisto e Cascarillas para rematar completan a programación de doce horas de festa desta segunda edición dun evento que rende homenaxe ás avoas e a súa comida. 

No marco deste Avoa Fest, ademais, o vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra, Jorge Soto, recibiu un agasallo de homenaxe dos concelleiros Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey polo seu labor e implicación no proxecto Pontevedra Capital Gastro.

Soto recibiu un prato de madeira (como o do Premio Loureiro de Ouro) cunha folla de loureiro e a frase 'Grazas Jorge por cociñar con corazón tantas receitas con nós' gravados, que lle entregou a gañadora do Desafío Filloa celebrado o ano pasado, Cuca Gómez Verguttini.