Unha web calcula os cartos que aforrarían os veciños de Poio no pago do IBI coas propostas do PP

Poio
23 de marzo 2018

O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, presentou este venres en rolda de prensa ibipoio.com, unha ferramenta online que o PP pon a disposición dos veciños para calcular o impacto que tería na súa economía a rebaixa do tipo de gravame do IBI que os populares solicitarán no próximo pleno municipal do 0,47 actual ao 0,43

Ángel Moldes presenta unha iniciativa do PP de Poio
Ángel Moldes presenta unha iniciativa do PP de Poio /

O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, presentou este venres en rolda de prensa ibipoio.com, unha web que o PP pon a disposición dos veciños para calcular o impacto que tería na súa economía a rebaixa do tipo de gravame do IBI que os populares solicitarán no próximo pleno municipal do 0,47 actual ao 0,43.

A ferramenta permite introducir o importe actual que paga cada contribuinte e devolve, a título informativo, a cantidade que terían que pagar nos próximos exercicios se se aproban as medidas que solicita o PP, informando ademais das posibles bonificacións ás que poderían acollerse. 

Moldes tamén fixo un chamamento a participar na manifestación a prol destas medidas que terá lugar este luns, 26 a partir das 20.30 horas e que transcorrerá entre a entrada do cemiterio municipal e as portas da Casa do Concello, que agarda sexa "multitudinaria", e trala que se lerá un manifesto e se dará a coñecer a opinión dos veciños sobre a aplicación de rebaixas e bonificacións na taxa de IBI.

A ferramenta tamén proporciona información sobre esta concentración, así como sobre as medidas propostas polo PP e a súa motivación, "que non só son beneficiosas para os afectados pola regularización catastral do pasado ano, senón para todos os veciños, e non prexudicarían as finanzas do Concello, que este ano ingresará catro millóns de euros ou máis en concepto de IBI, contando os atrasos doutros exercicios e a subida dos recibos", aseguran os populares.