Unha xornada escolar de recuperación de marisqueo, colofón do programa Ecoloxía Circular

Poio
07 de maio 2023

O vindeiro 20 de maio o alumnado protagonizará unha xornada de recuperación para o marisqueo no coñecido como ‘terreo da Curita’, en Chousa (Combarro). Alí, os nenos e nenas depositarán bolas de lodo extraídas desta zona e que foron fermentadas ao aire libre con microorganismos rexeneradores do monte

Actividade de ecoloxía circular | ARQUIVO
Actividade de ecoloxía circular | ARQUIVO / Concello de Poio

O programa Ecoloxía Circular, impulsado pola Concellería de Educación en colaboración cos centros de ensino de Poio, finalizará neste mes de maio con varias iniciativas nas que os nenos e nenas serán as grandes protagonistas. 

Durante os últimos meses, impartíronse sesións de coñecemento dos microorganismos e tamén clases prácticas e o colofón a este traballo será o vindeiro 20 de maio, a partires das 11.00 horas. 

O alumnado protagonizará unha xornada de recuperación para o marisqueo no coñecido como ‘terreo da Curita’, en Chousa (Combarro). Alí, os nenos e nenas depositarán bolas de lodo extraídas desta zona e que foron fermentadas ao aire libre con microorganismos rexeneradores do monte.

A Ecoloxía Circular tamén busca unha concienciación que vai máis alá das crianzas. A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, explica que as nenas e nenos son grandes difusores de coñecementos en contextos familiares e sociais e por iso o vindeiro xoves a sede da Confraría de Raxó acollerá unha visita do alumnado, no que explicará ao sector marisqueiro os beneficios do uso destes microorganismos rexeneradores.

Tamén haberá unha segunda exposición no CEIP Isidora Riestra, na parroquia de San Xoán, o venres 12, ás 12.00 horas.

Esta iniciativa, impartida pola Asociación E.mai, ten coma obxectivo conseguir que a rapazada se familiarice cos beneficios do uso de recursos naturais e de biodiversidade, como son os microorganismos rexeneradores do hábitat no que se establecen.