Unha xornada para poñer o foco na "falta de oportunidades laborais" das persoas coa síndrome de Down

Pontevedra
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Pontevedra sumouse este xoves á conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down. Para darlle visibilidade a esta reivindicación, Down Pontevedra Xuntos, en colaboración co Concello, colocou unha gran pancarta na balconada da Casa da Luz, na praza da Verdura

Pancarta polo Día Mundial da Síndrome de Down
Pancarta polo Día Mundial da Síndrome de Down / PontevedraViva

Pontevedra sumouse este xoves á conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down para reivindicar a importancia da inclusión das persoas con esta síndrome e outras discapacidades intelectuais. Para darlle visibilidade a esta reivindicación, Down Pontevedra Xuntos, en colaboración co Concello, colocou unha gran pancarta na balconada da Casa da Luz, na praza da Verdura.

O acto tivo unha importante presenza institucional. Ademais do presidente e a coordinadora de Down Pontevedra XuntasManuel Pérez Cabo e Paula Villaverde Gondar, participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; os voceiros do PP e o PSOE, Rafa Domínguez e Iván Puentes, e varios concelleiros. 

Non faltaron persoas usuarias da asociación, Pedro García, Celso Luengo, Óscar Viñas e Miguel Pérez, e todos xuntos subiron á Casa da Luz para participar no acto simbólico. 

Manuel rez Cabo destacou que o Día Mundial da Síndrome de Down é "unha xornada para reivindicar" na que este ano buscan "poñer o foco na falta de oportunidades laborais do colectivo", xa que os datos indican que soamente un 5% das persoas coa síndrome de Down traballa en contornas ordinarias.

Antes de despregar a pancarta, Lores recoñeceu que son "conscientes de que queda moito que avanzar" na sociedade para a plena integración das persoas con discapacidade intelectual, para que poidan ter os mesmos dereitos que as persoas sen esa discapacidade.

O alcalde sinalou que este tipo de días mundiais "son importantes para visibilizar" os seus dereitos e o traballo necesario de toda a sociedade para permitir esa integración social e laboral, que é "a única forma de que realmente se integren". Sen esa integración, mantén Lores, "malamente se poden facilitar os dereitos".

Iván Puentes tamén lembrou a "necesidade de inclusión real e de igualdad de real" das persoas con esta discapacidade e sinalou a importancia deste día para recordar que as administracións públicas "podemos e debemos" traballar nese campo para conseguir igualdade de dereitos. Tamén quixo reivindicar a labor das asociacións.

DÍA MUNDIAL

Durante as últimas semanas, Xuntos promoveu distintas actividades para sensibilizar á sociedade sobre as capacidades das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Profesionais e persoas usuarias da entidade participaron en xornadas de sensibilización en centros educativos da contorna, onde están a dar visibilidade á importancia de que todos os nenos e nenas compartan espazo nas aulas.

Tamén traballaron con clubs deportivos, centros cívicos e asociacións pontevedresas, onde se puxo de manifesto o moito que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden ofrecer á sociedade da que forman parte.

Un ano máis, os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia tinguiranse de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. En Pontevedra pode verse desta cor o Pazo Provincial.

Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, as entidades Down de España lanzaron a pasada semana a campaña #ExtraCapacitados, un vídeo no que o humor e a ironía son protagonistas, e cuxo mensaxe está centrado en que as persoas coa síndrome de Down están ‘extracapacitadas’ para aproveitar as oportunidades laborais.