O conflito pola instalación de pantaláns na praia de Panadeira por parte do Real Club Náutico de Sanxenxo continúa derivando en encontros nos xulgados. Nesta ocasión, o presidente do Náutico, Pedro Campos, presentou unha demanda contra Carlos Quintiá, un dos voceiros da plataforma SOS Panadeira, por realizar unhas declaracións no programa de televisión 'La mañana de la 1', que presenta Mariló Montero, durante o 28 de febreiro cando dende este programa daban cobertura ao conflito pola instalación das dársenas.
Nestas manifestacións, Carlos Quintiá afirmaba que Pedro Campos contratara "unos matones para hostiarlos", en referencia a un enfrontamento que se producira entre os veciños e persoal da instalación deportiva de Sanxenxo ante o incendio dunha estaca dun dos novos espazos marítimos.
Durante o programa, o presidente do Náutico xa ameazou a Carlos Quintiá con "verse nos xulgados" se non había unha retificación. Lonxe de dar marcha atrás, o voceiro da plataforma ratificouse nas súas declaracións e tamén ameazou con presentar denuncias.
Quintiá terá que comparecer o 9 de outubro no Xulgado de Primera Instancia e Instrución número un de Cambados. Alí tomaráselle declaración sobre a denuncia efectuada durante o programa televisivo. O voceiro, en declaracións a Radio Arosa, mantén todo o que dixo durante a emisión e afirma que Pedro Campos "é un depredador de bens públicos e un expoliador".
Campos sinala que Quintiá foi citado a un acto de conciliación para intentar chegar a un acordo e, non obstante, o voceiro veciñal non se presentou. Mantén que as acusacións carecen de fundamento.
O programa que xenera esta demanda é o seguinte. As declaracións comezan a partir do minuto 22.