A unidade de condutas adictivas de Vilagarcía de Arousa, centro conformado por dez profesionais, atendeu a 507 pacientes durante o ano 2025, unha cifra que pon en valor o papel deste recurso sanitario.
Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante unha visita ás instalacións xunto ao xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, e á subdirectora de Atención á Saúde Mental do Sergas, Almudena Díaz.
En relación ao seu papel na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, os datos recollen que este servizo dá cobertura a unhas 87.000 persoas dos concellos de Catoira, Caldas de Reis, Meis, Cambados, Vilagarcía e A Illa de Arousa.
O conselleiro tamén puxo en valor que a unidade ofrece un modelo de atención integral, pois combina nun mesmo espazo a asistencia clínica, a intervención psicosocial e unha unidade de día cun programa terapéutico que inclúe obradoiros, actividade física e estimulación cognitiva.
Doutra banda cabe mencionar que as unidades de condutas adictivas municipais están integradas desde o pasado 1 de xaneiro no Servizo Galego de Saúde, o cal supón un modelo asistencial máis global e coordinado tal e como explican desde a Xunta de Galicia.
Coa finalidade de consolidar a liña de traballo da Consellería de Sanidade, os orzamentos da Xunta para este 2026 reservan máis de 4,8 millóns de euros para o financiamento das unidades de condutas adictivas.
Un investimento que, tal e como apuntan desde a institución autonómica, súmase aos 8 millóns de euros dirixidos a convenios con entidades privadas e programas de prevención e tratamento das adiccións.
O obxectivo, detallou Gómez Caamaño, é mellorar a calidade asistencial dos 7.400 pacientes que atenderon estas unidades durante o ano 2025 en Galicia.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.