Recoñecemento estatal á Unidade de Rehabilitación Cardíaca de Montecelo

Pontevedra
12 de febreiro 2026

Este Servizo de Cardioloxía de Pontevedra obtén a primeira certificación ISO 7101 de España polo seguimento clínico dos pacientes e a estrutura de xestión

Entrega do Premio ISO á Unidade de Rehabilitación cardíaca de Montecelo Área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

A Unidade de Rehabilitación Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) acadou a certificación de calidade segundo a Norma ISO 7101, converténdose no primeiro servizo de Cardioloxía do Estado en obter esta acreditación.

O recoñecemento, outorgado tras as auditorías realizadas pola Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR), avala a estrutura de xestión e o seguimento clínico dos pacientes nesta área sanitaria.

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, formalizou este mércores no Hospital Montecelo a entrega do diploma ao xefe do servizo de Cardioloxía, Diego López Otero, e ao equipo técnico da unidade.

Este distintivo avala o traballo na implantación de protocolos definidos e indicadores de avaliación continua na asistencia hospitalaria.

Desde a súa posta en marcha no ano 2021, a unidade trata anualmente a preto de 200 pacientes. A actividade desenvólvese nunha área sanitaria que rexistra máis de 350 casos de cardiopatía isquémica cada ano.

Segundo os datos técnicos manexados polo servizo, a aplicación estruturada destes programas de rehabilitación asóciase a unha redución da mortalidade de entre o 20% e o 30%, unha cifra que pode acadar o 43% nos casos en que se completa o itinerario previsto.

O labor da unidade vai máis alá do adestramento físico e abrangue unha estratexia integral que inclúe educación sanitaria, control de factores de risco, apoio psicolóxico e pautas para a reincorporación á vida laboral e social dos usuarios.

O modelo de traballo da unidade, situada na cuarta planta de Montecelo, baséase na colaboración entre diferentes disciplinas médicas.

O servizo funciona mediante a coordinación entre Cardioloxía e Medicina Física e Rehabilitación, integrando un cadro de persoal composto por facultativos de ambas as especialidades, profesionais de enfermaría e técnicos de fisioterapia.

Este equipo multidisciplinar encárgase de abordar tanto as secuelas físicas como as psicolóxicas derivadas de eventos cardíacos críticos.

O obxectivo final do programa é a posta en marcha de hábitos saudables que reduzan os factores de risco e melloren o prognóstico a longo prazo dos enfermos atendidos na área de Pontevedra e O Salnés.