O salón de actos do Hospital Montecelo acolle este martes e o mércores unha nova edición das Xornadas de Atención Compartida, unha iniciativa que a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés organiza desde 2021 e que busca mellorar a conexión entre a Atención Primaria e a Atención Hospitalaria. Nesta ocasión, o foco ponse na Cardioloxía, unha das especialidades que máis demanda asistencial rexistra na área.
Baixo o lema "Unidos polo corazón: estratexias colaborativas para unha mellor atención cardiovascular", profesionais de distintos niveis asistenciais analizarán como ofrecer unha atención máis continua, integral e eficiente ás persoas con enfermidades cardíacas. A intención é que o paciente non note saltos entre centros, senón un único sistema que traballa en rede.
O xefe de servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra, Diego López Otero, explica que estas xornadas permitirán "afondar na análise e debate das competencias coordinadas entre Primaria e hospitais, diagnosticando patoloxías pero tamén revisando fortalezas e necesidades". Un espazo, en definitiva, para compartir información e mellorar protocolos.
Dirixidas tanto a facultativos como a persoal de enfermaría e profesionais en formación, estas xornadas xa abordaron especialidades como Dermatoloxía, Rehabilitación ou Neuroloxía, e terán continuidade noutras materias nos próximos meses. A idea é consolidar unha visión comunitaria da saúde, que permita actuar de maneira máis efectiva sobre as patoloxías máis frecuentes entre a poboación.
Nos últimos anos, os centros de saúde e hospitais da área realizaron diversos cambios organizativos para potenciar esta coordinación, como a mellora das vías de diagnóstico rápido ou a implantación de procesos asistenciais integrados, que permiten que o paciente avance dun nivel ao outro sen interrupcións.
A Atención Compartida aposta por un modelo de traballo en equipo, diferenciado da atención "en serie" tradicional. Esta filosofía reforza a resposta diante das enfermidades crónicas, impulsa a prevención e facilita a atención no domicilio, unha liña que o Sergas continúa a expandir por toda Galicia.