Unión Fenosa moderniza o transformador que subministra electricidade a Cerdedo

Cerdedo Cotobade
27 de novembro 2019

Esta actuación, destacan desde o goberno municipal, suporá un impulso á calidade do servizo enerxético desta localidade. Ademais, celebran a axilidade na resposta por parte da empresa para que os veciños de Cerdedo conten cun servizo de primeiro nivel

Visita das autoridades ao centro de transformación eléctrico de Cerdedo
Visita das autoridades ao centro de transformación eléctrico de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Preto de 60.000 euros investiu a empresa Unión Fenosa Distribución, a distribuidora eléctrica do grupo Naturgy, para modernizar o centro de transformación que proporciona o subministro de electricidade ao núcleo urbano de Cerdedo.

Esta actuación, destacan desde o goberno municipal, suporá un impulso á calidade do servizo enerxético desta localidade. Ademais, celebran a axilidade na resposta por parte da empresa para que os veciños de Cerdedo conten cun servizo de primeiro nivel.

Con motivo do remate destes traballos, que finalizaron hai uns días, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a concelleira Lourdes Ovelleiro e o delegado da compañía en Pontevedra, Francisco Ramos, visitaron as remodeladas instalacións e posteriormente mantiveron unha xuntanza de traballo na casa consistorial.

No caso de Cerdedo, Unión Fenosa Distribución substituíu o transformación e modernizou a infraestrutura de media tensión existente, coa incorporación dun novo conxunto de cinco celas telecontroladas de última xeración, o que permite mellorar a fiabilidade do servizo e os tempos de reposición en caso de incidencia.

Os traballos realizados tamén contemplaron a reparación integral da caseta coa reforma do seu interior, o teito, a fachada e o acceso, o que repercute favorablemente na súa funcionalidade e na súa imaxe estética.