Unión de forzas entre a Facultade de Comunicación e o Colexio de Xornalistas ante a desinformación

Pontevedra
25 de abril 2025

O campus de Pontevedra explorará a creación de microcredenciais para profesionais en activo e potenciará a investigación sobre desinformación nun contexto de transformación dixital

Belén Regueira, Natalia Puga e Emma Torres
Belén Regueira, Natalia Puga e Emma Torres / DUVI - Universidade de Vigo

A Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) estableceron as bases para unha colaboración estratéxica tras unha reunión que mantiveron as súas decanas, Emma Torres e Belén Regueira, respectivamente, no campus pontevedrés.

A xuntanza, na que tamén participou a integrante da xunta de goberno do colexio Natalia Puga, xornalista de PontevedraViva, centrouse en identificar ámbitos de cooperación que respondan ás necesidades reais dun sector en constante evolución. "Sen impartir nós estudos de xornalismo, si que existen moitos puntos en común e moitas liñas transversais de formación nas que podemos contribuír", destacou Emma Torres tras o encontro.

Un dos eixos principais desta alianza será o desenvolvemento de microcredenciais, programas formativos de curta duración especificamente deseñados para profesionais en activo. Estas iniciativas supoñen, segundo a decana da facultade, "unha posibilidade moi interesante, posto que os profesionais do sector do xornalismo demandan formación e actualización".

Pola súa parte, Regueira subliñou que "é necesario que a universidade pública dea resposta ás necesidades de formación dos e das profesionais da comunicación en activo, coa flexibilidade necesaria e permitindo a reciclaxe nun sector en continua transformación".

A loita contra a desinformación emerxeu como outro punto forte de colaboración. As representantes do CPXG mostraron especial interese polos traballos dos grupos de investigación CP2 e Sepcom da facultade, centrados en noticias falsas e verificación de datos. Ambas entidades coincidiron na necesidade de potenciar a "formación en alfabetización dixital", especialmente entre o estudantado de secundaria. "O xornalismo ten que adoptar un papel proactivo na loita contra a desinformación e na defensa da función social dos informadores", afirmou Regueira.

Belén Regueira, Emma Torres e Natalia Puga na Facultade de Comunicación
Belén Regueira, Emma Torres e Natalia Puga na Facultade de ComunicaciónDUVI - Universidade de Vigo

O acordo contempla tamén accións concretas para o estudantado, como a difusión da Bolsa Nacho Mirás para Xornalistas Noveis, dotada con 6.000 euros. A facultade comprométese a promover esta oportunidade entre o alumnado de Comunicación Audiovisual, ofrecéndolles "optar a un financiamento co que desenvolver proxectos", explicou Torres.

Esta primeira reunión establece un "fío directo" entre ambas institucións que permitirá á facultade "saber que demanda o sector exactamente" en materia formativa, mentres o CPXG poderá coñecer de primeira man "os procesos formativos" dos futuros profesionais da comunicación audiovisual. Regueira lembrou que o colexio "tamén representa os comunicadores audiovisuais que realizan labores informativos", polo que considera fundamental dar a coñecer ao estudantado "as entidades que defenden os seus dereitos como profesionais", segundo recolle o DUVI.