Unións Agrarias pide a convocatoria da Mesa do Viño en Rías Baixas

O Salnés
06 de agosto 2020

O sindicato Unións Agrarias pide a Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata da Mesa do Viño de Rías Baixas para establecer unha base de traballo "leal e eficaz" de cara a acometer a inminente vendima. 

Acios de uva albariña
Acios de uva albariña / Juan Mejuto

O sindicato Unións Agrarias pide a Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata da Mesa do Viño de Rías Baixas para establecer unha base de traballo "leal e eficaz" de cara a acometer a inminente vendima.

Di o responsable de agricultura en Unións Agrarias, Xosé Ramón González que "desta negociación haberían de saír o prezo da uva, que cando menos ten que manterse, xa que en contra do que se estimaba de xeito interesado por algunhas adegas, non haberá excedentes de produción".

Para a organización agraria resulta "estraño" que tras o anuncio por parte da Consellería do Medio Rural de activar axudas ás adegas para a compra de uvas, non se poida consultar en ningunha fonte o mecanismo polo que se vai a rexer esta liña de apoios.

A organización reclama da Xunta de Galicia que vincule calquera liña de liquidez ás adegas á que garanta a recollida da uva a prezos que cubran os custes de produción e que se obrigue a depositar os contratos de abastecemento nun rexistro público para certificar que este cumpre coa lexislación vixente.

Neste sentido, Unións Agrarias pide a aplicación estrita da normativa inmersa na Lei da Cadea Alimentaria que desemboque nunha negociación, contractualización e rexistro público de toda a produción de uvas na Denominación de Orixe Rías Baixas.