Unións Agrarias pide a "convocatoria urxente" da Mesa do Viño ante o incremento de custos de produción

Pontevedra
20 de xullo 2016

Piden que se establezan contratos entre adegas e viticultores cun prezo mínimo de 1,35 euros o quilo de uva na próxima vendima, nunha anada na que se espera "entre un 20 e 25%" menos de produción e na que "as condicións obrigaron a sulfatar máis veces cun incremento de custos", sinalou o sindicato

Vendima en Rías Baixas
Vendima en Rías Baixas / Juan Mejuto

A pouco máis dun mes de que se inicie oficialmente a vendima, Unións Agrarias solicitou á Xunta a "convocatoria urxente" da Mesa do Viño ante o incremento de custos de produción que ameaza con afogar aos viticultores.

O sindicato, explicou o seu secretario xeral Roberto García, pedirá ata entón aos produtores que non asinen ningún contrato de venda coas adegas.

Segundo García, o pasado ano o prezo medio de venda foi de 0,90 euros o quilo, pero nesta ocasión a demanda é elevar esa cifra ata os 1,35 euros o quilo de uva.

Isto débese a que "estamos nun ano no que as adegas non teñen viño almacenado, que a produción é inferior e que as condicións obrigaron a sulfatar máis veces cun incremento de custos de produción", sinalou.

Unións Agrarias pedirá que os contratos entre adegas e produtores teñan máis dun ano de vixencia "para darlles estabilidade" e fixou a redución do volume de uva nun "20 ou 25% menos".

Se estas reivindicacións non son atendidas "15 días antes da vendima", asegura que "pasaremos a un plan B", que pasa por medidas de presión como recorrer ao Tribunal de Defensa da Competencia.