Nunha sesión divulgativa realizada no IES de Ponte Caldelas presentouse o proxecto europeo POCTEP RISC_PLUS, destinado á prevención dos riscos climáticos mediante a educación ambiental.
Nesta iniciativa, o alumnado coñeceu o impacto das inundacións en Ourense e as ferramentas de alerta temperá que poden anticipar e mitigar os efectos destes fenómenos.
A Universidade de Vigo, a través do grupo de investigación Ephyslab, reforta o seu compromiso coa formación en sustentabilidade e a xestión dos riscos climáticos.
Na charla impartida polos investigadores Helena Barreiro, Diego Fernández e José González Cao, os estudantes puideron comprender as claves do cambio climático e o seu impacto nos eventos extremos, facendo especial énfase nas inundacións que afectan a provincia de Ourense.
Durante a sesión explicaranse a evolución dos riscos hidrometeorolóxicos na rexión e presentouse o innovador Sistema de Alerta Temperá, unha ferramenta desenvolvida no marco do proxecto RISC_PLUS que busca mellorar a preparación e resiliencia dos territorios fronte aos desastres naturais.
A actividade non só ofreceu unha perspectiva científica rigorosa, senón que tamén xerou un espazo de reflexión e debate, fomentando na mocedade unha maior conciencia ambiental.
O proxecto RISC_PLUS conta, ademais, coa participación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Universidade de Porto e a Agencia Portuguesa do Ambiente, e ten como obxectivo fortalecer a resiliencia das cuencas transfronteiras do Miño e do Limia fronte aos retos climáticos actuais.
Co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Regional (FEDER) e o programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, esta iniciativa subliña a importancia de dotar ás novas xeracións de coñecemento e ferramentas esenciais para a protección dos recursos hídricos e do planeta.