Unha trintena de estudantes procedentes de Grecia, Italia, Portugal, Letonia e diversos lugares de España desembarcarán a próxima semana en Pontevedra para elaborar un mural no lugar de Os Areás, en Mourente. Trátase do proxecto "Re-Creative Rural", enmarcado no programa universitario europeo Erasmus +.
Os participantes, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, terán a misión de deseñar e executar un mural que se situará na contorna do lavadoiro desta localidade. Todo o proceso estará dirixido polo artista Cuco Carrera e terán en conta as opinións dos veciños á hora de idear o contido desta intervención artística, explicou o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, acompañado por Ana del Valle, representante da empresa promotora da actividade, Ticket to Europe.
A actividade levarase a cabo entre o 7 e o 16 de novembro.
Ademais de mellorar a imaxe deste lugar, o obxectivo desta intervención pasa tamén por fomentar o contacto interxeracional, posto que os participantes establecerán conversación e intercambiarán opinións coa cidadanía para, entre todos, acordar o mellor deseño para este mural.
O Concello de Pontevedra colabora con esta iniciativa achegando todos os materiais necesarios para realizar a intervención, ademais lograron a colaboración da empresa de autocares Rías Baixas, que entregará tarxetas de autobús urbano aos participantes para que se despracen desde o centro da cidade á parroquia de Mourente de forma gratuíta.
Ticket to Europe é unha empresa que leva desde o ano 2016 participando en proxectos europeos deste tipo, a maior parte deles en Pontevedra e a súa contorna. "Queremos que nos traian ideas e que vexan tamén o que se fai aquí", explicou del Valle. Ademais, o contido de case todas as actividades realizadas están relacionadas co medio ambiente, os dereitos humanos e o rural.
De feito, a semana pasada visitaron a Boa Vila estudantes franceses, búlgaros e macedonios para participar nun taller sobre a xestión de residuos no que coñeceron iniciativas municipais como o Efecto PO2 ou o programa de compostaxe.