Usuarios do centro ocupacional de Saiar deseñan a decoración do Nadal da sede da Xunta en Pontevedra

Pontevedra
12 de decembro 2022

“Por segundo ano consecutivo volvemos a instalar unha preciosa decoración de Nadal que xurde do grandísimo traballo destes centros, que fan un magnífico labor a prol da inclusión e da integración", sinalou o delegado da Xunta, Luis López.

Instalación da decoración do Nadal no edificio administrativo da Xunta en Campolongo
Instalación da decoración do Nadal no edificio administrativo da Xunta en Campolongo

Os usuarios e formadores do Centro Ocupacional de O Saiar, de Caldas de Reis, instalaron na mañá de hoxe a decoración de Nadal na zona de acceso principal e nas salas de entrada dos nove andares do edificio administrativo da Xunta de Galicia emprazado no barrio pontevedrés de Campolongo.

Os membros desta entidade de atención e formación a persoas con diversidade funcional foron recibidos polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e pola secretaria territorial, Marta Iglesias, que lles agradeceron o seu traballo e louvaron a calidade e beleza dos materiais e as pezas de Nadal que locerán no edificio durante as vindeiras catro semanas.

No deseño destas pezas participaron tamén usuarios do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela.

“Por segundo ano consecutivo volvemos a instalar unha preciosa decoración de Nadal que xurde do grandísimo traballo destes centros, que fan un magnífico labor a prol da inclusión e da integración e que poderá ser contemplada polos milleiros de cidadáns que acuden ao edificio da Xunta a facer as súas xestións”, sinalou Luis López.