UXT e CC.OO dedican a marcha do 1 de maio aos traballadores dos servizos esenciais

Pontevedra
29 de abril 2021

A manifestación convocada por ambos os sindicatos partirá o sábado ás 12 horas desde o Hospital Provincial e rematará na Glorieta de Compostela

Manifestacións dos sindicatos polo Primeiro de Maio
Manifestacións dos sindicatos polo Primeiro de Maio / Diego Torrado

Os sindicatos UXT e Comisións Obreiras organizan o 1 de maio, polo Día Internacional do Traballador, a tradicional mobilización que partirá ás 12 horas desde o Hospital Provincial con destino, despois de percorrer diversas rúas de Pontevedra, á Glorieta de Compostela.

A elección deste punto de partida, explican os sindicatos, simboliza o recoñecemento aos traballadores e traballadoras dun dos Servizos Públicos máis necesario e imprescindible no momento actual e a esixencia ao Servizo Galego de Saúde do cambio de rumbo nas políticas sanitarias mediante o reforzo da Sanidade Pública con orzamentos e persoal que garantan a calidade asistencial de presente e futuro e a necesidade da volta á normalidade coa atención directa.

Consideran desde ambas as formacións que é urxente poñer en marcha a axenda social pendente e comprometida polo Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos cos axentes sociais e coa cidadanía. "Toca cumprir", esixen. E debe facerse poñendo en primeiro lugar ás persoas nas políticas de reconstrución deste país.

"Os fondos de reconstrución, transformación e resiliencia europeos, en cuxa xestación tiveron un papel fundamental as organizacións sindicais europeas, supoñen un estímulo forte e necesario para saír da crise, para impulsar o cambio de modelo produtivo e unha oportunidade para a asignación política das prioridades que temos como país. Isto implica potenciar a participación imprescindible dos axentes sociais no deseño, execución e avaliación dos proxectos", explican nun comunicado.

Os sindicatos recoñecen que as persoas máis vulnerables sufriron con maior dureza os efectos da crise por iso piden actuacións contra a precariedade laboral e para mellorar os servizos esenciais, nos que a muller ten maior presenza.