UXT e Comisións Obreiras saen á rúa amordazados

Pontevedra
01 de maio 2015

Os sindicatos UXT e CCOO manifestáronse en Pontevedra "amordazados" este Primeiro de Maio para mostrar o seu "rexeitamento ás medidas que perseguen parar o clamor nas rúas dunha sociedade á que arruinaron"

UXT e Comisións Obreiras na minifestación do Día do traballador
UXT e Comisións Obreiras na minifestación do Día do traballador / Diego Torrado

Os sindicatos UGT e CCOO manifestáronse en Pontevedra "amordazados" este Primeiro de Maio para mostrar o seu "rexeitamento ás medidas que perseguen parar o clamor nas rúas dunha sociedade á que arruinaron".

Segundo explicou o secretario de UGT nas bisbarras de Pontevedra e Arousa, Ramón Vidal, o último destes exemplos foi a decisión da Xunta Electoral de Teruel de prohibir "Así non saímos da crise" como lema da manifestación do Día dos traballadores porque podía "interferir no sentido do voto" dos comicios do próximo 24 de maio.

Aínda que o Tribunal Superior de Xustiza de Aragón acordou este xoves a suspensión preventiva da decisión de prohibilo os sindicatos decidiron sinalar con este xesto o "retroceso" que ao seu xuízo viven os cidadáns nos seus dereitos e liberdades.

Pola súa banda, o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, esixiu que se derrogue a reforma laboral xa que entende que "é evidente é que a reforma laboral do Partido Popular foi un auténtico fracaso porque destrúe emprego e o que se crea é sen dereitos".

O dirixente sindical de CC.OO. cuestionou a recuperación económica, asegurando que está motivada en "cuestións alleas á política do goberno", estando máis relacionadas, ao seu xuízo, coa perda de valor do euro o que favorece as exportacións e a baixada dos intereses por parte do Banco Central Europeo xunto á redución dos prezos do petroleo.

"Esa reactivación é absolutamente débil e está controlada por cuestións alleas ao goberno co que, alerta que en calquera momento podemos volver á recesión", alertou García Pedrosa, apoiándose nos datos da EPA.

RECORDO PARA ANA E TAMARA

O secretario comarcal de Comisións Obreiras en Pontevedra, José Luis García Pedrosa, recordou tamén que seguen sen noticias respecto ao indulto das pontevedresas Ana Outerelo e Tamara Vidal, as dúas traballadoras do complexo deportivo de Campolongo que resultaron condenadas a tres anos de prisión por un delito de coaccións no marco dunha protesta laboral.

Os sindicatos Comisións Obreiras e UGT esixen ao Goberno a derrogación do artigo 315.3 do Código Penal que "continúa criminalizar aos piquetes das folgas por exercer un dereito constitucional".

INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR

Finalmente dende Comisións Obreiras e UGT recordaron que rexistraron no Congreso unha Iniciativa Lexislativa Popular para poñer en marcha unha Prestación de Ingresos Mínimos en todo o Estado. Os beneficiarios potenciais desta prestación son 2,1 millóns de persoas.

Sería unha axuda de 426 euros mensuais máis un complemento por familiares a cargo, de entre dezaoito e sesenta e cinco anos, que non perciban ningún ingreso ou leven polo menos doce meses rexistrados como demandantes de emprego.