Vagalume e Mueve tu vida, premios AJE aos Xove empresario e emprendedor no 2014

Pontevedra
22 de novembro 2014

As premiadas son unha empresa enerxética e dunha entidade que promove, cunha aplicación móbil, o deporte entre persoas que sofren patoloxías como a diabete. Pérez Torres recibiu o premio honorífico. O acto desenvolveuse no Liceo Casino coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda

XIX edición do Premio Xove Empresario do Ano, da Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE)
XIX edición do Premio Xove Empresario do Ano, da Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE)

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra outorgou as distincións da XIX edición do seu Premio Xove Empresario do Ano e Premio Xove Emprendedor ás empresas Vagalume, unha consultora enerxética integral enfocada na eficiencia enerxética e as enerxías renovables, e á entidade Mueve Tu Vida que puxo en marcha unha aplicación móbil para promover o benestar e o deporte para persoas que sofren patoloxías como a diabete.

A empresa consignataria situada no Porto de Marín, Pérez Torres, obtivo o premio honorífico e os accésits á creación de emprego e á innovación foron para ASC Construcións e para Monet Tecnología e Innovación, que se centra no traballo en viñedos.

Vagalume, gañadora do Premio Xove Empresario, recibe un iPad e un curso formativo valorado en 8.000 euros, financiado pola Escola de Negocios Afundación. Impúxose aos outros seis aspirantes: Lagasca Vintage, Centro de Día Anduriña, Asc Pontevedra Construcciones e Contratas, Fisiosaúde Sanxenxo, Soutullo&Asociadas e Medianorte Locutores Profesionales. Pola súa banda, Mueve a túa Vida, gañadora do Premio Xove emprendedor, obtén outro programa de formación para Dirección e Xestión de Empresas, ademais dun ano de permanencia gratuíta nun viveiro de empresas do Consorcio da Zona Franca de Vigo.

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, foi o encargado de entregar o premio honorífico ao empresario Pedro Pérez Torres e animou ás novas xeracións de empresarios a traballar con esforzo para avanzar nos seus proxectos.

A presidenta de AJE Pontevedra, Lucía Pedroso, foi a encargada de presentar o acto ao que non puido asistir a ministra Ana Pastor por problemas de axenda, pero que si contou coa presenza do seu marido, o presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa; a delegada da Zona Franca, Teresa Pedrosa; o presidente da Confederación Galega de Empresarios, José Manuel Fernández Alvariño, a deputada Ana Isabel Vázquez e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.