Vaipolorío atopa no ENIL do río Gafos unha vertedura de tres toneladas de residuos de obra e electrodomésticos

Pontevedra
08 de xuño 2022

Trátase de sacos de restos de obra, cun peso aproximado de tres toneladas, así como dúas neveiras e un arcón conxelador

Vertedura de entullos no ENIL do Gafos

Este mércores membros do colectivo ecoloxista Vaipolorío puxeron en coñecemento do 112 unha nova vertedura na vía de servizo que discorre paralela á vía do Eixo Atlántico de Alta Velocidade e ao río Tomeza (Gafos).

Trátase de sacos de restos de obra, cun peso aproximado de tres toneladas, así como dúas neveiras e un arcón conxelador.

Vaipolorío lembra que esta é unha contorna declarada Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e que "non é a primeira vez" que este lugar é utilizado por algúns individuos para "desfacerse" de diversos materias coma se fose unha entulleira controlada.

Esta asociación ambientalista espera que as autoridades identifiquen os responsables desta vertedura e impoña as correspondentes sancións.