Vaipolorío, o colectivo que leva 24 anos realizando limpezas no río dos Gafos, denuncia o lanzamento de valos de seguridade ao leito do río.
Sinalan que estes valos se atopaban situados, desde hai meses, na pasarela de Ponte Boleira para evitar accidentes das persoas que utilizan o paseo nunha zona que se atopa deteriorada.
Nas últimas horas, os valos foron tirados ao río de maneira vandálica, segundo indican desde a asociación ecoloxista.
Lamentan o abandono do goberno municipal do Concello de Pontevedra en relación co sendeiro do río dos Gafos.
En concreto, indican que esta situación se agrava no tramo situado entre a Rúa Alcalde Hevia e a Estación de Autobuses.
Nesa zona obsérvanse as pasarelas de madeira en mal estado, bancos rotos e puntos de luz derrubados.
Sinalan que seguirán traballando na limpeza do río a pesar destes actos incívicos.
Este domingo 18 de agosto, Vaipolorío realizará a cuarta xornada de limpeza. Sairán do albergue de Peregrinos ás 10.00 horas e convidan a participar a todas aquelas persoas que amen a natureza.