Vaipolorío 'desatasca' o río dos Gafos despois dos temporais

Pontevedra
13 de febreiro 2017

Voluntarios da asociación ecoloxista retiraron as pezas que máis dificultaban o paso á vez que realizou un inventario e detectou 22 plantas caídas sobre a canle e o carreiro

Voluntarios retiran restos dos temporais no cauce fluvial
Voluntarios retiran restos dos temporais no cauce fluvial / Vaipolorío

O paso dos sucesivos temporais das últimas semanas, en especial os tres encadeados durante a pasada fin de semana, deixou pegada no río dos Gafos, coa canle 'atrancada' con ramas e árbores enteiros. Ata este sábado. 

Voluntarios da asociación ecoloxista Vaipolorío retiraron as pezas que máis dificultaban o paso á vez que realizou un inventario e detectou 22 plantas caídas sobre a canle e o carreiro.

Segundo a información facilitada polo colectivo, durante a fin de semana realizaron un percorrido polo tramo rural do Gafos en Tomeza e contabilizaron, entre todas as árbores derrubadas sobre a canle ou o carreiro, nove falsas acacias, catro ameneiros, tres acacias negras, tres salgueiros, dous carballos e un loureiro. 

A asociación indica que, ademais, a esas árbores hai que sumar os exemplares xa retirados pola Consellería de Medio Ambiemte durante os días seguintes aos temporais.

Ademais, segundo indicaron, eles retiraron parte desas plantas e tamén as ramas 'enganchadas' en pontes e presas de muíños tras as inundacións da fin de semana dos temporais.