A Asociación Vaipolorío, coñecida polo seu compromiso coa defensa e limpeza do río dos Gafos, volve dirixirse ao Concello de Pontevedra para solicitar, por terceira vez en doce anos, a municipalización e apertura ao uso público do xardín situado xunto ao edificio da antiga Delegación de Sanidade, entre a Avenida de Vigo e o leito do río.
O colectivo, presidido por Gonzalo Sancho, remitiu estes días un novo escrito no que lembra que xa en marzo de 2013 rexistraran unha proposta formal na que suxerían a sinatura dun convenio entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Pontevedra para a cesión do espazo verde que rodea o edificio sanitario.
O obxectivo que busca Vaipolorío é permitir o acceso público a ese xardín mediante a instalación dunha ponte de madeira, como parte do paseo urbano do río Gafos.
“Sería un exemplo de integración paisaxística e unha porta aberta para que outros propietarios colaboren sen perder a súa titularidade”, apuntaban xa no seu primeiro escrito.
En 2021, Vaipolorío retomou a petición, ampliando a proposta coa mellora dos terreos lindantes e coa conexión coa parte posterior do Centro de Menores Avelino Montero. Recalcaron nesa segunda ocasión que non recibiron resposta oficial nin positiva nin negativa por parte do Concello en relación á primeira demanda.
Agora, en maio de 2025, o colectivo insiste. Consideran que recuperar e integrar ese espazo para uso cidadán encaixa co modelo de cidade que Pontevedra promove nos últimos anos.
Ademais, o colectivo considera que se trata dun terreo que podería mellorar a continuidade do paseo fluvial e ofrecer un novo punto de encontro natural nunha zona urbanizada.
Vaipolorío urxe ao goberno local a dar o paso para facer realidade esta demanda que leva máis dunha década agardando e que responda aos escritos "por saúde democrática".
