A transformación urbana de Pontevedra sumou un novo premio. Nesta ocasión chega desde Valencia. É un galardón de boas prácticas en materia de mobilidade amable concedido pola Generalitat Valenciana no marco da Semana Europea de Mobilidade.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou do galardón no transcurso da presentación de toda a programación que o Concello está preparando para celebrar esta Semana Europea de Mobilidade.
O premio, ao que non se presentara Pontevedra, vaise a entregar o próximo 17 de setembro e, segundo o xurado, é para a Boa Vila pola súa aposta "exemplar" de crear un espazo urbano "habitable" e definido por una mobilidade amable.
Este será un dos actos que Pontevedra incluirá na programación desta semana dedicada á mobilidade que, como consecuencia da COVID-19, evitará os actos públicos.
Así, o Concello unirase á campaña O teu vehículo cero emisións, impulsada pola rede Cidades que Camiñan, para revalorizar ao zapato como medio de transporte e realizar unha clara aposta polo comercio local.
A semana comezou, entre outras cousas, coa participación do alcalde nun encontro con responsables do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para ofrecer achegas á futura lei de mobilidade sostible e transporte público que tramita o Goberno.
A cidade 30, a velocidade 10, o cambio climático, a violencia viaria ou o cambio da ocupación do espazo público, é dicir que os peóns ocupen o 70% e os vehículos o 30%, foron algunhas das achegas da reunión.
Dentro destas actividades tamén se incluirá a participación do concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade, César Mosquera na xornada Por unha mobilidade sen emisións, organizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, prevista para o 17 de setembro.
Ao día seguinte, a programación inclúe a inauguración dunha exposición en Gutiérrez Mellado que, a través de vinilos, pretende amosar o espazo gañado aos peóns nunha rúa que hai anos estaba ateigada de vehículos. A intención é demostrar o "antes e o despois" deste espazo.
O sábado 19 de setembro presentarase o documental A cidade que soñamos, un traballo de Ecoloxistas en Acción gravado en Pontevedra. A súa emisión será on-line.
Ademais, o 22 de setembro os directores xerais de Urbanismo, Infraestruturas e Seguridade Cidadá participarán no encontro virtual da Fundación Mapfre para presentar o informe Horizonte C3: Cidades case cero do que forma parte Pontevedra, como unha das cidades nas que se rexistra menos violencia viaria do Estado.
Nestes días, aínda sen data confirmada, Pontevedra tamén participará nunha xornada organizada pola Deputación de Xaén para a promoción da mobilidade sostible nas contornas dos centros de ensino.