Valentín García Escudero, o "quilómetro cero" da Pontevedra romana, estrea o seu novo aspecto

Pontevedra
25 de outubro 2013

Convertida a praza, segundo destaca o goberno municipal, no espazo arqueolóxico da Ponte do Burgo, por fin concluíron as obras da primeira fase de soterramento do xacemento. Unha actuación de "recuperación ambiental", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, "para darlle vida ao quilómetro cero da Pontevedra romana"

Aspecto actual dos restos arqueolóxicos de Valentín García Escudero
Aspecto actual dos restos arqueolóxicos de Valentín García Escudero / Mónica Patxot

Valentín García Escudero estreou este venres o seu novo aspecto. Convertida a praza, segundo destaca o goberno municipal, no espazo arqueolóxico da Ponte do Burgo, por fin concluíron as obras da primeira fase de soterramento do xacemento. Unha actuación de "recuperación ambiental", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, "para darlle vida ao quilómetro cero da Pontevedra romana".

Con esta remodelación "queda un espazo público a disposición de todo o mundo", sinalou Fernández Lores. Cubriuse gran parte da excavación arqueolóxica creando unha gran zona verde e na parte máis próxima á Praza do Peirao situouse un parque infantil en forma de barco pirata que será inaugurado en breve. As choivas dos últimos días impediron completar a súa instalación.

Trátase da solución pola que optou o Concello de Pontevedra tras descartar o denominado Museo da Historia, "que era imposible neste momento" ao ser "excesivamente ambicioso". Neste sentido, o alcalde sinalou que os veciños "están asumindo perfectamente ben este cambio" ao asegurar que toda esta contorna "terá unha moi boa calidade urbana e estará ben iluminada", algo que, dixo, "dinamizará toda esta zona".

Con respecto aos restos arqueolóxicos, tras varios proxectos, o Concello de Pontevedra aposta porque se manteñan destapados. Contratouse unha empresa que realizará tarefas de limpeza e mantemento de forma semanal e seguiranse realizando traballos de consolidación. Neste sentido, Luís Bará avanzou que se baleirarán os arcos da ponte medieval que se achou na zona "para que coa iluminación adecuada, o xacemento luza máis".

Será, destacou, "un lugar de visita obrigada" para pontevedreses e turistas e xogará un papel importante no itinerario arqueológico da cidade "porque nos fala da orixe da cidade e da súa acta de nacemento". De aí que avanzase que "en tanto funcione ben así, esté ben integrado na trama urbana e sirva para dinamizar a parte norte do centro histórico, estará destapado e faremos todo o posible para conservalo e coidalo".