Finalizaron as XII Xornadas de Sanxenxo na Historia que se desenvolveron no pazo Emilia Pardo Bazán. Na última xornada, durante este sábado, Valentín García Gómez, secretario de Política Lingüística, recibía o premio anual que se entrega nestas xornadas.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, foi o encargado de entregar este premio despois de que o xurado, presidido polo alcalde Telmo Martín, valorase a implicación coa cultura local por parte de García Gómez.
Durante esta última xornada celebrábase unha mesa redonda, moderada por Marcelino Agís, coa participación de Isidoro Sabell Salgués e Celestino Viéitez. que analizaron a figura de Augusto González Besada e o período de Sanxenxo e Pontevedra durante a Guerra da Independencia.
Durante a edición deste ano tamén se realizou un coloquio homenaxe a Emilia Pardo Bazán, con motivo do centenario do seu falecemento. A novelista e xornalista que sempre foi un referente feminista mantívose toda a súa vida vencellada a Sanxenxo onde pasaba tempadas estivais na casa familiar da Torre de Miraflores.