Valoran en case 214.000 euros a reforma das rúas Tristán de Montenegro e Pratería Vella

Pontevedra
06 de outubro 2016

Os técnicos municipais xa teñen rematada a redacción dos proxectos de rehabilitación integral das rúas Pratería Vella e Tristán de Montenegro, dúas actuacións que se acometerán con cargo á Area de Rehabilitación Integral (ARI) do centro histórico

Basílica de Santa María
Basílica de Santa María / Mónica Patxot

Os técnicos municipais xa teñen rematada a redacción dos proxectos de rehabilitación integral das rúas Pratería Vella e Tristán de Montenegro, ambas situadas no ámbito de Santa María, dúas actuacións que se acometerán con cargo á Área de Rehabilitación Integral (ARI) do centro histórico.

Estas obras teñen un custe de 213.607 euros e un prazo de execución de tres meses, un tempo no que se meten tamén as posibles melloras que se poidan ofertar.

O obxectivo destes traballos é transformar un espazo público desaxeitado e obsoleto nunha zona para uso e gozo da veciñanza. A rexeneración dos espazos urbanos deberá garantir tamén a accesibilidade de todos os cidadáns, sinalan desde o goberno municipal.

O proxecto abrangue as dúas rúas dende o seu comezo ata o remate e inclúe a renovación completa da instalación e o tratamento da pavimentación que consistirá na execución de bandas de pedra que confinen un chan realizado con pedra tipo chapacuña.

Polo que respecta a renovación dos servizos está previsto actuar na rede de abastecemento de auga, separar a rede de pluviais da de fecais e instalarase a rede soterrada de gas natural.

Ademais, soterraranse os cables da iluminación pública, renovaranse por completo todas as luminarias, canalizarase baixo terra toda a rede de subministro de electricidade e instalarase o cable que dá servizo de fibra óptica.