Valoriza dará unha resposta aos traballadores de Poio na véspera da folga do lixo

Poio
09 de agosto 2017

Este mércores tivo lugar a primeira xuntanza de negociación do Convenio de Limpeza Viaria no Concello de Poio con mediación. Despois dun curto tempo de negociación non se chegou a ningún tipo de acordo, a finalidade da xuntanza para Valoriza foi recoller a proposta dos traballadores

Camións de recollida de lixo en Poio
Camións de recollida de lixo en Poio / PontevedraViva

Este mércores tivo lugar a primeira xuntanza de negociación do convenio de limpeza viaria no Concello de Poio con mediación. A inspectora de traballo, Paula Rodríguez Lorenzo, convocou nas instalacións do Consello Galego de Relacións Laborais situadas na cidade de Vigo á representación dos traballadores e á Empresa Valoriza a fin de mediar no conflito.

Por parte de Valoriza presentouse o xefe de servizos en Poio, Marcos Serrano.

Despois dun curto tempo de negociación non se chegou a ningún tipo de acordo. A finalidade da xuntanza para Valoriza foi recoller a proposta dos traballadores. Quedaron de valorala e trasladarán a súa postura na vindeira xuntanza que quedou fixada para o luns 14 de agosto ás 10 da mañá no mesmo lugar. A folga está convocada para o mércores día 16.

A valoración que fan dende o comité de empresa desta primeira xuntanza mediada non é positiva. "Valoriza segue dando a mesma resposta ante as máis que dignas reivindicacións salariais plantexadas polos traballadores", que son a adecuación dos salarios ás demáis explotacións, o que lles obriga a loitar por unha suba de alomenos un 5%.

Engaden que seguen a ver unha "falla de respecto aos traballadores e por ende á cidadanía de Poio, xa que non se plantexa unha xuntanza de negociación senón tan só de presentación cunha postura nula sen contraoferta, indicando a falla de implicación nesta primeira xornada de negociación e continuando coa posición de inmobilismo por parte de Valoriza".

O sindicato UXT trasladou a súa preocupación pola data da vindeira xuntanza de negociación ao manterse tan alongada no tempo e próxima á convocatoria de folga, "o que implicará un tempo moi reducido para valoración de futuras propostas de cara a chegar a calquera tipo de acordo que poida servir aos traballadores e desta forma desconvocar o conflito".

Por todo isto intentarán adelantar esta data da vindeira xuntanza e así dar capacidade temporal á realización dunha negociación "máis calmada e reflexiva", concluíron.