Van os políticos ao Mercado de Abastos como clientes?

Pontevedra
25 de maio 2016

As vendedoras da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Pontevedra afirman, na presentación das actividades previstas para este sábado 28 de maio, Día do Mercado, que só algúns dos concelleiros son clientes habituais

Mari Carmen Santos, presidenta da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Pontevedra
Mari Carmen Santos, presidenta da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Pontevedra / Mónica Patxot
As vendedoras lamentan que poucos políticos merquen na Praza de Abastos /

O vindeiro sábado 28 celébrase o Día do Mercado, unha oportunidade para que os políticos locais achéguense ata o Mercado de Abastos da cidade. A presidenta e a vicepresidenta da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, Mari Carmen Santos e Loli Torres, mostraron o seu malestar porque a maioría de políticos da corporación municipal non son clientes habituais do espazo de referencia comercial do centro histórico.

A presidenta sinalou que salvo Anabel Gulías, Vicente García Legísima e Carmen Fouces, o resto de concelleiros non visitan o Mercado. "O alcalde viña pero xa hai moitos anos que non. Era comprador pero agora non ven", indicou Mari Carmen Santos.

"Da oposición non vén ninguén", engadiu a presidenta do colectivo, apuntando que agora lle chaman porque se achegan as eleccións e afirmou ironicamente "queren roldas de prensa pero despois en catro anos non os ves por diante".

DÍA DO MERCADO

Con este ton crítico e divertido, as representantes dos 90 vendedores do Mercado presentaron os actos previstos para este sábado de celebración coa posta en marcha de Mini Obradoiros creativos para os escolares con xogos tradicionais para compartir coas familias. Desta forma, buscan que os nenos sexan os que leven aos seus pais ata a Praza. Loli Torres apuntou que, durante esa xornada, regalaranse globos e piruletas.

Ademais, a asociación desenvolverá durante o mes de xuño unha actividade destinada aos máis pequenos denominada "Larpeiriños". Nela, ao redor de 25 escolares con idades comprendidas entre 5 e 12 anos aprenderán a elaborar sobremesas nun taller de repostería para o que se poden apuntar enviando unha mensaxe ao Facebook da asociación ou solicitándoo no Mercado de Abastos.

O 15 de xuño tamén está prevista a entrega de premios do concurso de debuxos entre estudantes dos colexios de Pontevedra nas instalacións da Praza.