A veciñanza das rúas de Fernando Olmedo e Casimiro Gómez reuniuse este venres 17, de xaneiro, convocada pola Asociación Altamira-San Antoniño, logo das inundacións rexistradas a semana pasada.
Os residentes falaron dos efectos das recentes crecidas e avaliaron a aprobación por unanimidade de todos os grupos políticos no pleno do 23 de decembro da Proposición para a mellora hidrolóxica e ambiental do rego de Valdecorvos e o control de inundacións na contorna da rúa Padre Fernando Olmedo.
Dende a veciñanza valorouse como "moi positivo" este consenso entre os diferentes grupos políticos e o "paso adiante" que supón ese proxecto de retención de auga no Parque de Valdecorvos.
"Se ben este proxecto só aporta unha solución a una parte do problema, xa que non pode reter a totalidade de auga da parte alta do río e non afecta a todas as pluviais da parte baixa que poderían facer que o río seguise desbordando e inundando con certa intensidade", advirten dende a Asociación nun comunicado.
"Como recoñeceron técnicos e políticos o proxecto de retención é unha solución parcial", insisten.
Por iso esta proposta foi criticada "por non ofrecer unha solución definitiva ao problema estrutural".
Este colectivo veciñal solicita "que o goberno local, Viaqua e Augas de Galicia continúen o estudo e a elaboración de propostas" xa que entenden que "ademais do proxecto consensuado en trámite, deben seguirse facendo outros estudos e propostas".
Ademais das lagoas de retención, lembran que tamén se falaron propostas alternativas como unha segunda área inundable na zona verde próxima ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) ou un novo colector en José Malvar.
A veciñanza, pese a coincidir co Concello en que a última palabra será a dos técnicos, insiste en que "a solución definitiva debe incluír a combinación das propostas actuais cun enfoque máis ambicioso, ou mesmo contemplar a apertura completa do cauce do río".
Mentres non se executen o proxecto de retención e a solución definitiva, a veciñanza reitera as demandas presentadas en escritos do ano pasado, por unha banda "medidas paliativas inmediatas", como limpeza e desatasco regular, mellora dos sumidoiros, control da vexetación e instalación de pasos de auga adecuados nos lombos redutores de velocidade.
Tamén reclaman a posta en valor do río Valdecorvos, eliminando verteduras e promovendo a recuperación ambiental para reducir a carga no tramo soterrado.
E por último, reclaman que o Concello de Pontevedra redacte un Plan de Acción en caso de inundación, dispoñendo os servizos de alerta, prevención e actuación para minimizar os danos materiais e o risco para as persoas.