A veciñanza de Altamira mete presa ao Concello para que mellore o barrio

Pontevedra
18 de agosto 2025
Actualizado: 10:51

A veciñanza quéixase polo atraso do proxecto de mellora do espazo público do barrio que "significaría a dignificación, posta en valor e equiparación desta zona co resto da cidade"

Pancarta reivindicativa na rúa Altamira
Pancarta reivindicativa na rúa Altamira / Asociación Veciñal Altamira - San Antoniño

A Asociación Veciñal Altamira - San Antoniño colocou no barrio unha pancarta de grandes dimensións onde pode lerse "Altamira existe, mellora xa!".

A decisión foi tomada nunha reunión da veciñanza en xullo e o obxectivo é chamar a atención do Concello de Pontevedra sobre a "falta de avances na mellora desta zona" que, según din, é "a menos atendida do centro da cidade".

A veciñanza quéixase polo atraso do proxecto de mellora do espazo público do barrio, que comprende a rúa Altamira, a parte superior da rúa Vilar Ponte, unha beirarrúa da rúa San Antoniño e as escaleiras de conexión.

"Este proxecto significaría a dignificación, posta en valor e equiparación desta zona co resto da cidade", afirma esta asociación nun comunicado.

Pancarta reivindicativa na rúa Altamira
Pancarta reivindicativa na rúa Altamira    Asociación Veciñal Altamira - San Antoniño

Segundo os voceiros veciñais prometérase dende o Concello en asemblea veciñal comezar a redactar o proxecto á volta do verán de 2024, pero a licitación da redacción só se publicou en marzo deste ano e o contrato aínda non foi adxudicado ó estudio gañador.

Desde esta asociación tamén denuncian a delimitación das prazas reservadas a persoas de mobilidade reducida na rúa San Antoniño. Afirman que o sinal vertical de aparcamento leva colocado e tapado dende xaneiro, mais as prazas seguen sen estar pintadas de azul, e por tanto, sen poder utilizarse para persoas con mobilidade reducida.

"Porén, o maior atraso é o da solución para as escaleiras ó final da rúa Altamira", que son a principal conexión entre Fernando Olmedo e San Antoniño, pero que "están nun estado lamentable cunha grande inseguridade".

Neste caso, pese a manifestar os propietarios a súa boa vontade para atopar unha solución, incluso entregando documentos, falta que o Concello vexa a forma de artellar unha solución para a mellora desta conexión fundamental entre a parte baixa e alta do barrio.

A pancarta recén colocada é un novo paso para reclamar ao Concello que actúe no barrio. Compre lembrar que o ano pasado entregaron no Rexistro municipal máis de 900 firmas a favor do Proxecto de mellora do barrio.