A Garda Civil investiga unha muller de 30 anos, veciña de Barro, e un home de 45 anos, residente en Caldas de Reis, pola súa presunta responsabilidade nun incendio forestal que se rexistrou o pasado 28 de xullo na contorna do cemiterio da parroquia de Estacas, en Fornelos de Montes.
O sinistro orixinouse durante os labores de roza que estaban a realizar operarios dunha empresa contratada, cando unha faísca procedente dunha das rozadoras que empregaban prendeu lume de inmediato na matogueira de monte baixo da zona que estaban a limpar.
A situación complicouse debido ao forte vento existente no momento, que fixo que as chamas chegasen a ameazar unha granxa de animais próxima ao lugar do incendio, aínda que finalmente non resultou afectada polo lume.
O incendio produciuse nunhas condicións especialmente perigosas, xa que o IRDI (Índice de Risco Diario de Incendio Forestal) correspondente a ese día na zona era de moi alto a extremo, o que evidencia as condicións de máximo risco que existían para este tipo de sinistros.
O lume, segundo a Garda Civil, afectou a unha extensión total de 0,45 hectáreas, das cales 0,08 hectáreas correspondían a arboredo e 0,37 hectáreas a monte baixo, segundo determinaron os equipos de investigación.
A investigación foi levada a cabo polo EBIO (Equipo Básico de Inspeccións Oculares) da Garda Civil do Porriño, que instruíu as correspondentes dilixencias que foron entregadas no Tribunal de Instancia Sección Civil e de Instrución de garda de Redondela.
Os dous investigados deberán responder por un presunto delito de incendio forestal.