Veciños de 19 vivendas de Bueu reclaman solucións a menos dun mes de ser desaloxados

Bueu
05 de outubro 2015

Este luns 5, os veciños asistirán ao pleno do Concello de Bueu a partir das 20.00 horas. Durante a mañá presentarán un escrito solicitando a aplicación da modificación do artigo 108 da Lei do contencioso-administrativo, que podería evitar o desaloxo ata que o Concello os indemnice

Petición de sinaturas en change para que se indemnice os veciños do edificio Pintos de Bueu
Petición de sinaturas en change para que se indemnice os veciños do edificio Pintos de Bueu / PontevedraViva

Os veciños das 19 vivendas do edificio Pintos de Bueu denomínanse "a lona da vergoña de Bueu" e continúan buscando solucións para evitar o desaloxo o próximo 2 de novembro dos seus pisos do inmoble ilegal.

Este luns 5 de outubro, a menos dun mes para que se inicie o desaloxamento, este colectivo presentarase no Concello de Bueu para entregar por rexistro un escrito no que solicitan a aplicación da modificación do artigo 108 da Lei do contencioso-administrativo e que, segundo entenden, pode resolver o seu caso de maneira satisfactoria. O artigo, no seu punto tres, indica que cando un tribunal ordena unha demolición parcial dun inmoble, esixirá, como condición previa á demolición, e agás que unha situación de perigo inminente o impedise, a prestación de garantías suficientes para responder do pago das indemnizacións debidas a terceiros de boa fe.

Ante esta modificación da lei, o grupo de afectados entende que eles non teñen garantías de que vaian ser indemnizados e, por tanto, o Concello podería atrasar a orde de derrubamento establecida en sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Este mesmo luns acudirán ao pleno da corporación a partir das 20.00 horas e, por outra banda, continúan coa recollida de sinaturas tanto nos municipios do Morrazo, que ascenden a 1.250, ademais das máis de 1.150 rexistradas a través da plataforma change.org.

A plataforma veciñal anuncia que incrementarán nas próximas semanas os seus actos de protesta e reivindicativos coa intención de que se poida atopar unha solución xusta para estes propietarios que, alegan, sempre actuaron de boa fe.