Veciños de Campolongo reclaman o arranxo urxente das pistas deportivas

Pontevedra
09 de setembro 2021

A asociación de veciños San José de Campolongo presentou un escrito no que solicita ao goberno local que actúe de inmediato ante as graves deficiencias que presentan as pistas deportivas ao aire libre de Campolongo. Desde a Concellería de Deportes xa se ofreceu unha primeira resposta

Fotografía achegada no seu escrito polos veciños de Campolongo
Fotografía achegada no seu escrito polos veciños de Campolongo

A asociación de veciños San José de Campolongo presentou un escrito ante o Concello de Pontevedra no que solicita ao goberno local que actúe de inmediato ante as graves deficiencias que presentan as pistas deportivas ao aire libre do barrio.

Juan Manuel Loureiro, o presidente da asociación veciñal, encabeza esta "denuncia-requirimento" na que se lembra que hai máis de 3 anos que se inciaron as obras na piscina municipal de Campolongo, unha mellora aplaudida nese momento por parte da asociación, xa que contemplaba o acondicionamento das pistas situadas na parte superior.

Unha vez rematada a obra nas instalacións deportivas, os veciños atópanse con que a zona exterior segue sen estar en condicións.

Entre outras carencias, destacan que nas pistas desembocan canos de recollida de pluviais, co perigo de acumulación de auga e deterioración do firme, ademais de risco de caídas polos charcos que se forman. O problema da auga esténdese á zona lindeira coas pistas, xa que a drenaxe da auga das mesmas vai dar a unha zona pública preto da parada de autobús da praza de Galicia.

Engaden outras deficiencias estruturais, como a falta de pintado das canchas que impide dividilas en zonas diferenciadas para a práctica de varios deportes, como estaba previsto.

Por estes motivos, solicitan ao Concello de Pontevedra que proceda a subsanar estes defectos e outras deficiencias na contorna, como pode ser o alumeado. Ademais do pintado, piden que se dote ás canchas de porterías, canastras e demais elementos para a práctica deportiva, tal e como foron proxectadas.

RESPOSTA DO CONCELLO

En comunicación co concelleiro de Deportes, Tino Fernández, este confima que o arranxo das pistas de Campolongo está na axenda de actuacións municipais. O retraso nesta obra débese a que a responsabilidade do acondicionamento deste espazo deportivo depende da empresa concesionaria da piscina e instalacións deportivas de Campolongo, BeOne - Serviocio.

Fernández informa de que a Concellería de Deportes xa aprobou unha intervención valorada en 5.000 euros para marcar, pintar e acondicionar a zona das pistas deportivas máis achegadas ao centro educativo para que poidan ser utilizadas como espazo de recreo e deportivo por parte do alumnado do colexio de Campolongo.

En canto ao resto das pistas, corresponde neste momento á empresa que xestiona as instalacións deportivas de Campolongo executar as obras necesarias para acondicionalas e pintalas. O edil de Deportes sinala que a actuación da empresa estase atrasando porque desde a súa concellería detectouse que a cuberta non está rematada do xeito debido e que, en canto chove, acumúlase a auga en varios puntos.

Neste momento, o Concello de Pontevedra está negociando coa empresa concesionaria para que antes de pintar ou acondicionar as pistas repare as fochancas do terreo. O concelleiro Tino Fernández confía en que ao longo deste mes de setembro se poida solucionar o problema de acumulación de auga, e xa co solo das pistas igualado a empresa proceda ao pintado, ao marcaxe das diferentes áreas deportivas e ao seu remate final.