Veciños de Mourente piden á oposición que faga cumprir a ordenanza dos lombos

Pontevedra
12 de outubro 2017

A asociación de veciños de Moldes-Mourente convocou unha reunión este mércores cos grupos da oposición municipal para pedirlles que fagan cumprir a modificación da ordenanza reguladora de vías municipais no que se refire aos lombos

A asociación de veciños de Moldes-Mourente reuniuse cos grupos da oposición municipal
A asociación de veciños de Moldes-Mourente reuniuse cos grupos da oposición municipal / Mónica Patxot

A asociación de veciños de Moldes-Mourente convocou unha reunión este mércores cos grupos da oposición municipal para pedirlles que fagan cumprir a modificación da ordenanza reguladora de vías municipais no que se refire aos lombos.

Os concelleiros de PP, PSOE, Marea e Cidadáns aprobaran cos seus votos a elaboración dunha ordenanza no Concello de Pontevedra que regula os pasos de peóns sobre elevados adaptándoos ás características técnicas marcadas polo Ministerio de Fomento para as súas estradas.

O modelo do Ministerio de Fomento para vías con velocidade limitada a 30 quilómetros por hora é duns 10 centímetros de alto, un metro de rampla e unha lonxitude de catro metros. Mentres, os técnicos do Concello de Pontevedra deseñan uns lombos ao mesmo nivel que as beirarrúas e non cunha altura limitada.

A asociación de Moldes-Mourente reclama que se habiliten polo menos dúas "vías sanitarias libres de lombos" nos accesos ao hospital de Montecelo, desde O Marco e desde beiramar, para que as ambulancias poidan chegar sen obstáculos ao complexo hospitalario.