Veciños de Ponte Sampaio demandan un pavillón de deportes á beira do colexio

Pontevedra
01 de outubro 2020

A Xunta Directiva da Asociación de Veciños Heroes de Ponte Sampaio 1809 considera "imprescindible" a construción do pavillón e propón que se deixe un anaco de muro de peche do campo de fútbol actual para colocar unha placa como homenaxe a todos os que colaboraron na construción do campo ou formaron parte dos equipos de fútbol

Campo de fútbol de Ponte Sampaio
Campo de fútbol de Ponte Sampaio

A Xunta Directiva da Asociación de Veciños Heroes de Ponte Sampaio 1809 considera "imprescindible" a construción dun pavillón de deportes na parroquia, "o máis próximo ao colexio público", dado que é a localización idónea que valería para as actividades do centro educativo e para a parroquia. 

O colectivo que preside Ramón Agulla realiza esta petición por mor das obras do novo campo de fútbol de Ponte Sampaio e demanda que nese pavillón intégrese unha nave para o uso do club de piragüismo. 

Desde a asociación solicitan ao Concello de Pontevedra, que unha vez rematadas as obras do campo de fútbol novo e se proceda a retirar as instalacións do vello, débese ter en conta instalacións complementarias como o palco da música, o local social da festa, os baños públicos e unha instalación do club de piragüismo. Cren que teñen que seguir onde están a día de hoxe e que, se se recolocan, ten que facerse de acordo co criterio dos veciños da parroquia.

No caso do palco e local social, insisten en que son moi necesarios dado que ao longo do ano fanse festas ou eventos nos que ambos son fundamentais.

En canto á instalación que ten o club de piragüismo no campo, tamén é necesaria porque a actual nave non é suficiente, ante o aumento de nenos que realizan este deporte.

O colectivo veciñal tamén cre moi importante que se aumenten as prazas de aparcamento na zona, pois escasean, especialmente no verán, e demandan un parque biosaudable para as persoas maiores do municipio.

Heroes tamén propón que se deixe un anaco de muro de peche do campo actual dun metro cadrado e que se coloque unha placa como homenaxe a todos aqueles veciños que formaron parte das directivas, colaboraron na construción do campo ou formaron parte dos distintos equipos de fútbol.