Veciños de Ponte Sampaio esixen a presenza de vixiantes na praia durante toda a semana

Pontevedra
23 de agosto 2019

Denuncian que mentres na praia de Monteporreiro hai socorristas todos os días, na da súa parroquia só presta servizo a Cruz Vermella durante a fin de semana. Temen que algún día prodúzase un accidente e non cheguen a tempo os servizos sanitarios

Praia fluvial de Ponte Sampaio
Praia fluvial de Ponte Sampaio / Diego Torrado

Os veciños de Ponte Sampaio séntense discriminados. Mentres a praia fluvial do Lérez conta con servizo de socorristas diario, a do Verdugo, á que acoden moitos máis bañistas, soamente ten vixilancia durante a fin de semana. Trátase dunha vella reivindicación veciñal, que non entenden os motivos polos que lle denegan este servizo e temen que algún día haxa un accidente. "En concellos como Sanxenxo que hai trinta praias entendo que non haxa socorristas en todas, pero en Pontevedra, que só hai dous, non o entendo", cuestiona Ramón Agulla, da asociación Heroes de Ponte Sampaio.

Nos días calorosos de verán, todos os veciños da parroquia acoden a este areal. "Veñen centos de persoas, un día pode pasar calquera cousa e as ambulancias tardan vinte minutos en chegar", puntualiza este veciño.  

O agravio comparativo coa outra praia fluvial do concello caldea aínda máis os ánimos da parroquia. "Parece que somos veciños de segunda", denuncia unha bañista.  No areal de Ponte Sampaio, o servizo de vixilancia de fin de semana préstao Cruz Vermella, mentres que no de Monteporreiro hai socorristas contratados directamente polo Concello que traballan por quendas e a diario.

Non é o único problema que padecen na parroquia limítrofe con Soutomaior. "Hai problemas co tráfico, sobre todo nas horas de entrada e saída do colexio", engade Eugenio Peón, antigo portavoz da asociación de veciños do lugar. Tamén hai protestas pola falta de aparcamento e a falta de limpeza da area.