Veciños de Salcedo comezan a recuperación dos muiños do Batán

Pontevedra
13 de outubro 2013

O conxunto dos muíños do Batán, de titularidade privada, está considerado de grande interese etnográfico. Ancorados no fermoso treito do río Batán, fórmano catro muíños de rodicio horizontal, tres deles de planta rectangular e teito a unha auga, e un máis grande, dotado de vivenda, cunha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo e provisto de dous infernos

A Comunidade de Montes de Salcedo, a asociación veciñal Heroes do Campo da Porta e veciños desta parroquia pontevedresa non vinculados a ningún dos dous colectivos. Todos se puxeron mans á obra este domingo para a recuperación dos muiños do Batán. Son de titularidade privada, pero todos queren velos coa súa mellor faciana, de maneira que, co permiso dos donos e a intermediación do Concello de Pontevedra, comezaron a reparalos.

Os muiños están nun estado de total abandono e mesmo con fallos estruturais, pero a súa contorna xa foi mellorada a través dunha actuación do Concello e agora queren completar o lavado de cara con limpeza, cincelado ou melloras no tellado.

O conxunto dos muíños do Batán está considerado de grande interese etnográfico. Están ancorados no fermoso treito do río Batán, ou Outeiro, que discorre entre a AP-9 e a ponte do Batán, baixo a cal, segundo a lenda, se agocha tamén un fabuloso tesouro encantado.

Fórmano catro muíños de rodicio horizontal, tres deles de planta rectangular e teito a unha auga, e un máis grande, dotado de vivenda, cunha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo e provisto de dous infernos.

Os catro e o seu entorno serán rehabilitados. Ademais, foron escenario, este sábado, do inicio dos roteiros polo rural que organizou a Concellaría de Patrimonio Histórico. Serán catro e inaugurounos o 'Roteiro das Mouras' na parroquia de Salcedo, que ademais de ensinar aos asistentes o entorno dos muiños, levounos polo Castro das Croas, a Esculca, o Outeiro das Mouras e os muíños do Outeiro.