O rexistro do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo acollía este martes un amplo colectivo veciñal de Vilaboa, que presentaba máis de mil sinaturas, recollidas desde 2015, solicitando tanto á administración autonómica como ao Concello de Vilaboa que acelere a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Os veciños indican que neste momento o PXOM atópase nas dependencias da Xunta á espera de que se emita un informe para que se aprobe definitivamente no Concello. Está previsto que este paso se leve a cabo antes do 4 de abril, segundo trasladoulle o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro.
Os afectados indican que levan moitos anos esperando por unha solución para o urbanismo municipal. Ao non aprobarse o PXOM atópanse nunha situación de incerteza debido a que hai familias pendentes de xuízo por delitos urbanísticos, con expediente de derrubamento aberto. Os veciños lamentan que se estean culpando mutuamente da paralización do novo plan tanto a administración da Xunta como a do Concello.
No escrito que presentaron por rexistro reclaman que as persoas que participan na política municipal traballen para a aprobación do PXOM no menor tempo posible, que a Xunta non demore prazos e facilite a tramitación.
Por último, solicitan que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) paralice os expedientes abertos a persoas de Vilaboa mentres o PXOM se atope neste período de trámite.