Veciños e comerciantes de Barcelos avaliarán os cambios na praza

Pontevedra
12 de abril 2016

O Concello de Pontevedra convocará, antes de que termine o mes de abril, aos veciños e comerciantes da praza de Barcelos para avaliar con eles o resultado dos cambios realizados en todo este ámbito urbano. Así o avanzou o concelleiro Luís Bará que espera recoller novas suxestións porque "eles que viven alí, probablemente ven cousas que nós non apreciamos"

Reunión de Bará e Fouces con veciños, comerciantes e comunidade educativa do colexio de Barcelos
Reunión de Bará e Fouces con veciños, comerciantes e comunidade educativa do colexio de Barcelos / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra convocará, antes de que termine o mes de abril, aos veciños e comerciantes da praza de Barcelos para avaliar con eles o resultado dos cambios realizados en todo este ámbito urbano. Así o avanzou o concelleiro Luís Bará que espera recoller novas suxestións porque "eles que viven alí, probablemente ven cousas que nós non apreciamos".

Bará lembrou os primeiros datos recollidos polo goberno municipal e as impresións da comunidade educativa do CEIP Barcelos son "positivas", pero esperan que agora os comerciantes, hostaleiros e veciños poidan alertar dos problemas que detectasen, que se corrixirán "sempre que sexan razoables".

Ademais, o edil do BNG informou os membros da Comisión de Mobilidade dunha actuación complementaria que se fará no novo espazo público de Pasarón, á beira do campo de fútbol.

Faranse, con cargo ao contrato do servizo de mantemento de zonas verdes, unha serie de melloras de axardinamento, colocando árbores e flores en todo este ámbito.

Na reunión deste martes, a comisión aprobou por unanimidade unha moción presentada por Marea na que se insta ao Concello a facer un inventario dos bens municipais e establecer un protocolo de conservación de todos os inmobles da súa propiedade, obrigando a realizar como mínimo unha limpeza anual. No caso de edificios privados que estean en mal estado, tamén se instará a que os teñan en boas condicións.

Tamén contou co respaldo de todos os grupos a moción do PSdeG-PSOE na que se insta á Xunta a realizar unha serie de traballos de mantemento no ámbito das instalacións do Pontillón do Castro dedicadas actualmente ao piragüismo; mentres que se ditaminou negativamente a moción do PP que reclamaba solucionar unha serie de deficiencias que os populares detectaron na parroquia de Campañó.

A este respecto Bará indicou que en Campañó xa se están realizando diversas actuacións para mellorar o estado de toda esta zona, a partir dun plan de traballo que foi acordado polos veciños e asociacións de Campañó a través do Consello Parroquial.