Veciños da rúa Joaquín Costa de Pontevedra queixáronse este xoves dunha situación de "descontrol" que aseguran que se vive nas inmediacións do Hospital Provincial nas tardes da última semana porque a diario reúnense, en horario de tarde, grupos de persoas que esperan para poder acceder á zona de consultas externas do centro hospitalario.
Segundo a información facilitada por estes veciños, cada tarde ás 16.00 horas xúntanse grupos de ata 30 persoas "hablando entre ellas y sin guardar distancia entre ellos". Aseguran que, de feito, "ni siquiera mantienen cola para entrar en el hospital".
PontevevedraViva realizou a comprobación e foi testemuña de pequenos grupos de persoas na porta, pero non de grupos tan elevados de ata 30 persoas. Comprobou, ademais, que o comportamento xeral é que estas persoas adoitan manter certa distancia e utilizar sempre máscara.
Estes mesmos veciños aseguran que as persoas que se reúnen ás portas do Provincial son os profesores citados para realizar os test rápidos e masivos ao persoal docente que desde a semana pasada está a realizar a Xunta no Provincial, Montecelo e o Hospital do Salnés e que chegan en "oleada".
"Los vecinos observamos atónitos que esto se repite día tras día", asegura unha veciña que critica que os docentes deberían dar "ejemplo" e gustaríalle que tomasen "conciencia" e "no se comportaran como los adolescentes que tanto se critican estos días".
Esta mesma veciña critica que a Policía Local "brilla pola súa ausencia".