Os vehículos históricos só poden circular de xeito ocasional

Soutomaior
17 de outubro 2024

Entra en vigor a nova normativa de vehículos históricos. Os concellos teñen agora que adecuar as súas ordenanzas municipais

Abel Losada e Manu Lourenzo falaron da nova normativa de vehículos históricos
Abel Losada e Manu Lourenzo falaron da nova normativa de vehículos históricos / Concello de Soutomaior

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, desprazouse este xoves a Soutomaior para informar sobre o novo regulamento de vehículos históricos aprobado polo Executivo central e que entrou en vigor o pasado día 1 de outubro.

Nun encontro co rexedor Manuel Lourenzo, no que tamén participaron membros do Club de Clásicos Seat 600 de Soutomaior, Losada lembrou que os concellos teñen agora que adecuar as súas ordenanzas municipais establecendo fórmulas que permitan a circulación ocasional destes vehículos polas vías urbanas, incluídas as zonas de baixas emisións, sempre que se empreguen como medio de transporte esporádico e non habitual, para minimizar o seu impacto ambiental.

O novo regulamento substitúe o anterior, de 1995. O seu obxectivo fundamental é o de abaratar e axilizar o proceso de declaración de vehículo histórico para os propietarios, con respecto á normativa vixente ata agora.

Búscase, así, favorecer a restauración e conservación deste tipo de vehículos, apostando polo "patrimonio histórico automobilístico". Preténdese tamén impulsar os clubs ou entidades relacionadas cos coches clásicos, xa que pasan a estar habilitados para expedir certificados. O regulamento contempla, ademais, os vehículos agrícolas e os ciclomotores, que non estaban no anterior marco regulamentario.

O regulamento tamén sinala que a circulación dos coches históricos só poderá ser "ocasional", é dicir, sen exceder os 96 días ao ano, xa que indica que o seu uso está prohibido como medio de transporte cotián, como transporte público de viaxeiros ou para actividades agrícolas ou de obras e servizos.

O alcalde destacou que no concello de Soutomaior hai gran afección ao mundo do motor e cun club de Seat 600 de referencia, que acolleu a nova normativa moi positivamente. Explicou que "agora tócanos aos concellos facer os deberes e adaptar as ordenanzas".

Por outra banda, o alcalde de Soutomaior aproveitou a visita do subdelegado do Goberno para presentarlle a proposta para a humanización da Avenida Castelao, que hai xusto unha semana se fixo pública en Madrid.

Losada amosou o seu apoio a este proxecto. "Estamos ante unha demanda razoable e necesaria", dixo, xa que entende que a Nacional N-550, ao seu paso por Arcade, "é unha travesía moi dura para calquera que pase por esta zona".

"Todo o que sexan procesos de humanización e de facer a vida máis amable da cidadanía terá sempre o apoio do Goberno", engadiu.