Veinticinco empresas presentan as ofertas para executar a senda peonil e ciclista en Sanxenxo

Sanxenxo
13 de xaneiro 2016

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, adxudicará o vindeiro mes de marzo as obras de execución dunha senda peonil e ciclista na estrada Pontevedra-A Lanzada (PO-308), ao seu paso polo Concello de Sanxenxo, o que tamén suporá a creación de 167 prazas de aparcadoiro. Así, tras o remate de presentación de ofertas, son veinticinco as empresas que optan á construción desta infraestrutura

Zona de As Salinas, na Lanzada
Zona de As Salinas, na Lanzada / Concello de Sanxenxo

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, adxudicará o vindeiro mes de marzo as obras de execución dunha senda peonil e ciclista na estrada Pontevedra-A Lanzada (PO-308), ao seu paso polo Concello de Sanxenxo, o que tamén suporá a creación de 167 prazas de aparcadoiro. Así, tras o remate de presentación de ofertas, son veinticinco as empresas que optan á construción desta infraestrutura.

O executivo autonómico financia este proxecto, que terá un prazo de execución de 15 meses, mediante a achega económica de preto de 3,2 millóns de euros, co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Estas obras realizaranse minimizando o impacto sobre o tráfico no verán, período no que este municipio ten unha elevada afluencia de visitantes.

O propósito fundamental da actuación é o de fomentar un tránsito peonil e ciclista nesta estrada, que se encadra dentro da rede primaria complementaria da Xunta de Galicia.

Posibilitarase o acceso mediante estas alternativas de mobilidade sostible a praias como A Lanzada, ao espazo natural do complexo intermareal Umia-O Grove ou ao xacemento arqueolóxico de A Lanzada, nas condicións axeitadas de seguridade viaria.

Actuarase nun treito de 2,77 quilómetros da estrada PO-308, situado no Concello de Sanxenxo, dende Soutullo á glorieta de conexión coa VG-4.1, na Lanzada.

Nese treito executarase unha senda para uso peonil e ciclista de mellora da seguridade viaria para compatibilizar o tráfico rodado con estes outros medios de transporte. Actuarase en especial nas interseccións, habilitando puntos nos que se permita o cambio de sentido; construíndose unha glorieta na zona da praia de Portomouro; e habilitando e ordenando zonas de aparcadoiro.