Vence (BNG) defende ao Concello das críticas polo convenio da Praza de Touros: "Non financia as touradas"

Pontevedra
17 de agosto 2014

O líder nacionalista asegura que o BNG e o Concello apoian a eliminación das touradas e que o Goberno local pontevedrés "leva feito todo o que del depende para que desaparezan ás touradas", pero que "non pode facer é accións que están fora da súa competencia"

Xabier Vence (centro) con representantes do BNG nun acto na Caeira (Poio)
Xabier Vence (centro) con representantes do BNG nun acto na Caeira (Poio) / PontevedraViva

O voceiro nacional do BNG, Xabier Vence, defendeu este domingo a xestión do Concello de Pontevedra en relación coas touradas ante as críticas xurdidas nos últimos días pola suposta contradición entre defender politicamente a prohibición deste tipo de actividade e asinar un convenio por 47.500 euros coa empresa propietaria da Praza de Touros capitalina.

"Non financia ás touradas, por suposto", asegurou Vence, para engadir que outra cousa é que o Concello utilice as infraestruturas da Praza de Touros para organizar eventos como o Torneo Medieval da Feira Franca e outro tipo de actividades que "prestan un servizo á cidadanía".

O líder dos nacionalistas asegura que "o proxecto do BNG e do BNG de Pontevedra é claramente contrario ás touradas" e que tanto o seu partido coma o grupo de goberno da cidade do Lérez liderado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores están "plenamente comprometidos" para loitar contra as touradas.

Sostén que o Goberno local "non pode facer accións que están fora da súa competencia"

O BNG e o Concello, asegura Vence, apoian a eliminación das corridas de touros en toda Galicia. De feito, insiste en que o Goberno local nacionalista "leva feito todo o que del depende para que desaparezan ás touradas", pero que "o que non pode facer é accións que están fora da súa competencia". A prohibición deste tipo de eventos é competencia do Parlamento de Galicia.

Por outro parte, a campaña posta en marcha pola plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' e a Asociación Animalista Libera para pedir ao Concello de Pontevedra que renuncie ao convenio para empregar o coso de San Roque durante 2014 e 2015 segue gañando en difusión. Este domingo, tres días despois da súa posta en marcha, xa leva preto de 6.500 sinaturas na plataforma Change.org.