O Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra volverá acoller o venres 21 de novembro "Debut 2025", o gran escaparate do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo, que cumpre 18 anos de traxectoria ininterrompida.
O evento, coordinado por Lola Dopico, reunirá arredor de mil persoas e converterá Pontevedra, unha vez máis, no centro neurálxico da moda galega, coa colaboración da Deputación Provincial, do Concello de Pontevedra: do Consello Social e diversas entidades privadas.
A programación de "Debut" estenderase durante toda a semana, con talleres especializados, conferencias abertas ao público e exposicións, ademais do desfile final, no que 35 deseñadores e deseñadoras, 15 deles correspondentes a proxectos de fin de mestrado, presentarán as súas coleccións.
Segundo explicou Lola Dopico, "Debut é un proxecto que medra cada ano grazas á colaboración institucional e ao compromiso do profesorado e do alumnado", destacando tamén o seu carácter "académico e social".
A programación inclúe talleres de xastrería, tipografía, bordado profesional ou impresión 3D aplicada á moda, impartidos por profesionais como Vicky Cordero, Elena Rial, Marta Lloria e Xosé Manuel Rodríguez Quintas, nalgúns casos formados no campus pontevedrés.
Tamén se desenvolverán xornadas técnicas con empresas do sector como Zara, Adolfo Domínguez ou Bimba y Lola, entre outras; nas que o estudantado poderá manter as súas primeiras entrevistas profesionais. "Moitos consolidan o seu primeiro traballo nesas semanas", apuntou Dopico.
A semana de actividades inclúe ademais unha exposición no Museo de Pontevedra, froito do proxecto de upcycling realizado en colaboración entre Bimba y Lola, Palomo Spain e a Universidade de Vigo, que se presentará este xoves en Madrid publicamente.
Este proxecto tamén será presentado nun acto no Museo de Pontevedra o xoves 20 de novembro ás 19.00 horas, coa presenza de Alejandro Palomo.

O desfile principal celebrarase o venres 21 ás 20.00 horas e contará cun xurado de excepción, integrado por Alejandro Gómez Palomo (Palomo Spain), Leticia García Guerrero (SModa, El País), Áurea Aburto Gómez (Bimba y Lola), Charo Froján e Alfredo Olmedo (DDUE brand).
O tribunal outorgará dous galardóns: o Premio Fundación Bimba y Lola e o Premio de Calidade Artesanal da Fundación Artesanía de Galicia, que recoñecen o talento e a excelencia técnica das coleccións presentadas.
Entre os novos deseñadores que amosarán os seus proxectos figuran Sergio B. Carpintero, Belo, Mericusan, Gabriela Fiori, Claudia García Ortuño, Antía Lameiro, Elena Antelo, Raquel Mera, Ángel López, Blanca Orro Toral, Marina Pérez Vázquez, Andrea San Miguel, André Sánchez, Laura Varela e Ruth Vidal.
Na presentación do evento, a deputada provincial María Ramallo destacou que "Debut é un proxecto consolidado que sitúa Pontevedra como un referente da creatividade e do talento local", subliñando o apoio da Deputación ao Campus CREA e á Universidade de Vigo "como xermolo do talento creativo da provincia".
Pola súa banda, a tenente de alcalde Eva Vilaverde asegurou que "para o Concello é un orgullo acompañar este proxecto que crece cada ano" e que "pensar en Debut é pensar en creatividade".

O decano da Facultade de Deseño, Marcos Dopico, salientou a importancia de manter "a conexión entre a formación universitaria, o mundo profesional e as empresas do sector téxtil".
Mentres que Eva Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra, puxo en valor que "Debut representa un punto de encontro entre a formación académica e a industria, e contribúe á proxección cultural de Galicia como territorio de deseño e innovación".
As entradas para o desfile xa están á venda a través da plataforma Woutick!, cun prezo simbólico de 5 euros.
Con 18 edicións ás súas costas, "Debut" continúa sendo un evento que, segundo as súas impulsoras, xa camiña só, pero segue precisando do apoio e o "agarimo" das institucións e da cidadanía que o viu medrar.