As oficinas municipais do Concello da Lama venderon xa anticipadamente medio milleiro de tíckets para participar no xantar da Festa do Codillo que se celebrará durante a xornada deste domingo 22 de maio na Alameda do municipio.
Este venres finaliza o prazo para adquirir eses vales anticipados que permiten saborear o prato de codillo estofado con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenorias. En todo caso, as persoas que desexen participa do evento gastronómico terán a oportunidade de adquirir os billetes durante o domingo no recinto da festa.
Ademais do prato típico, o público con ticket terá dereito a bebida, un anaco de pan, cubertos e un prato de barro conmemorativo desta cita.
Ás 13.30 horas dese día abrirase a caseta de servizo de racións do codillo. A intención desde a organización é axilizar a repartición e evitar aglomeracións de comensais. A caseta ofrecerá racións ata as 15 horas ou ata esgotar existencias.
Despois do parón obrigado pola pandemia, o Concello da Lama quere converter este acto na festa máis "popular posible" e, desta forma, o prezo habitual dos tíckets de 12 euros rebáixase a 10 euros, malia o aumento do IPC e do custo da vida. A idea do goberno local é, segundo o tenente de alcalde David Carrera, que se achegue o maior número de visitantes e de residentes no municipio a esta xornada gastronómica e popular.
A Festa do Codillo, que chega á súa vixésima edición, será amenizada pola Banda de Música Municipal da Lama e a Charanga Os Encerellados, que ofrecerán diversión e alegría durante todo o domingo.
Ao mesmo tempo, celebrarase unha Mostra de Produtos da Terra. Alí, o público poderá adquirir queixo, repostería típica, produtos da horta ecolóxica ou mel, entre outros. Tamén se instalará un posto de venda de polbo como é tradicional nas romarías de Galicia.