Ventos fortes con refachos superiores aos 80 km/h e chuvias intensas este martes abren paso a novas borrascas

Pontevedra
02 de xaneiro 2024

As borrascas preséntanse nas Rías Baixas durante esta semana con ventos fortes do suroeste con refachos moi fortes no litoral este martes. O xoves 4 agárdase unha nova borrasca coa entrada dunha fronte fría procedente do Atlántico norte e descenso de temperaturas para situarse entre os 8 e 15 graos

Imaxe do satélite de Meteogalicia durante este martes 2 de xaneiro de 2024
Imaxe do satélite de Meteogalicia durante este martes 2 de xaneiro de 2024

O ano comeza con borrascas. Este martes, as baixas presións atlánticas atoparán a Galicia no seu radio de acción e unha fronte fría atravesará as Rías Baixas durante a tarde. A xornada preséntase con choiva, especialmente durante a tarde con carácter puntualmente forte. Espéranse fortes ventos con refachos superiores ao 80 km/h e choivas intensas, segundo o servizo de Meteogalicia.

As temperaturas ascenderán, marcando valores elevados para esta época do ano, situándose entre os 12 e os 16 graos en Pontevedra. Os ventos entrarán fortes do suroeste, con refachos moi fortes no litoral e tamén nas zonas altas do interior nas horas centrais do día. 

O mércores 3 preséntase como unha xornada intermedia con ventos húmidos, do suroeste. A xornada será de ceos nubrados, pero con moi escasas precipitacións e de carácter débil con máis probabilidade na metade oeste de Galicia. As temperaturas experimentarán un lixeiro descenso pasando a 10 de mínima e 15 de máxima. Os ventos soprarán frouxos do suroeste, con intervalos de moderado no litoral norte.

Xa na xornada do xoves 4 chegará unha nova borrasca cunha fronte fría pola mañá que arrastrará unha masa de aire tamén frío ao longo da tarde, procedente do Atlántico Norte. As choivas serán xeneralizadas durante a mañá, por momentos intensas en toda a zona do litoral e, xa pola tarde, toda Galicia quedará nunha zona de chuvascos, con precipitacións intermedias. As temperaturas descenderán pasando a 8 de mínima e 15 de máxima nas Rías Baixas. O vento comezará a xornada de suroeste, con intervalos forte, e irá modificando a dirección para pasar a oeste-noroeste na segunda metade do día.

Espérase que durante a véspera de Reyes e tamén durante o sábado festivo se rexistren chuvascos na provincia de Pontevedra. A probabilidade durante o venres 5 é dun 90% mentres que o día 6 rebáixase ao 60%.

Espérase que a chegada das altas presións prodúzase durante a xornada do domingo, día en que diminuirá a probabilidade de choiva. As temperaturas serán baixas a medida que avance a semana situándose nos 4 graos de mínima e nos 12 de máxima.