Vepersa, 25 anos dando servizo aos pontevedreses

Pontevedra
28 de novembro 2014

O concesionario oficial de Audi e Volkswagen en Pontevedra celebra as súas vodas de prata premiando os seus clientes máis fieis e brindando por un futuro prometedor. Contan cun equipo de 67 traballadores e unha filosofía marcada, "cada cliente é especial e iso intentamos transmitir", recoñece Iñigo Bellido, xerente de Vepersa

25 aniversario de Vepersa
25 aniversario de Vepersa / Mónica Patxot

Dende 1988 dando servizo aos pontevedreses, motivo máis que suficiente para celebrar con eles as súas vodas de prata.

Vepersa, concesionario oficial Audi, Volkswagen e Volkswagen Comerciais en Pontevedra, celebrou os seus 25 anos de vida cunha xornada de homenaxe aos seus clientes.

Os seus 67 empregados compartiron unha traxectoria á que se chega "cunha capacidade de traballo enorme, crendo no que facemos e intentado sorprender o cliente, atendéndoo cada vez mellor e chegando a cada un deles dunha forma distinta".

Son palabras do xerente de Vepersa, Iñigo Bellido, que revela a filosofía que lles permitiu mirar o futuro con optimismo: "cada cliente é especial e iso intentamos transmitir. As marcas buscan que estean sumamente satisfeitos e iso fainos mellorar".

Por ese motivo Vepersa premiou tres persoas: o seu primeiro comprador; o seu cliente máis fiel "que segue vindo ao taller co mesmo coche dende hai 25 anos"; e ao cliente que máis quilómetros realizou "en cinco vehículos con 400.000 quilómetros cada un".

Son unha pequena representación da familia que formou o concesionario e coa que "queremos celebralo, darlles as grazas, a todos os que nos compraron estes anos e que seguen vindo ao taller, ademais de agradecérllelo tamén ás persoas que traballan aquí,".

Bellido recoñece que "temos a sorte de representar a unhas marcas moi boas e moi fortes como Volkswagen e Audi, que nos últimos anos axudaron moito aos concesionarios que consideran profesionais, e tamén de pertencer a un grupo como Pérez Rumbao, o primeiro grupo de automoción de Galicia".

Para manterse preto dos pontevedreses Vepersa apostou na actualidade por renovarse, con presenza nas novas tecnoloxías e as redes sociais, porque "aínda que sabemos que vender por internet é difícil, queremos achegarnos ao cliente", recoñece o seu xerente.

O acto de 25 aniversario serviu ademais para presentar, cuns días de antelación ao seu lanzamento oficial, o novo Volkswagen Passat, ademais da nova versión do Audi TT, recén saída ao mercado.

Os asistentes tamén puideron recrearse cunha pequena mostra de vehículos antigos das dúas marcas automobilísticas.