Verdura estragada e caracois, na volta a actividade das hortas urbanas

Pontevedra
02 de maio 2020

Persoas usuarias das hortas urbanas de Pontevedra retomaban este sábado á actividade coa intención de recoller as verduras que tiñan plantadas e atoparon os espazos nun estado que cualifican de "abandono" con produtos estragados e a presenza de numerosos caracois nas hortalizas

Volta ás hortas urbanas en Pontevedra
Volta ás hortas urbanas en Pontevedra / PontevedraViva

Este sábado 2 de maio, varias persoas usuarias das hortas urbanas de Pontevedra retomaban a actividade nos hortos urbanos, situados nos puntos de Conde de Bugallal e de Monte Porreiro. Estes traballos están permitidas nesta fase cero da desescalada, segundo anunciou o Goberno do Estado.

Pero a volta non foi plenamente satisfactoria para todas estas persoas ao comprobar que moitas das súas plantacións estragáronse ante a falta de coidados destes espazos durante o período de confinamento. Esta apertura tamén era demandada por parte dos vendedores de produtos agrícolas para aumentar a actividade económica no sector nuns meses fundamentais para os cultivos.

Sinalan que, durante este sábado, tiveron que retirar a numerosa verdura que quedou inservible tras estas semanas. E ademais destacan a presenza de caracois entre os produtos  hortícolas. Indican que as administracións deberían ser máis sensibles con esta actividade na que se traballa con produtos para o autoconsumo durante o confinamento e permitir visitas para o coidado das parcelas.

Durante esta xornada mantivéronse os protocolos de seguridade nestas contornas. O Concello instalou dispensadores de xel para as persoas usuarias, que establecen un sistema de quendas para evitar coincidir no traballo dos seus cultivos.

Segundo explicaba Iván Puentes, concelleiro responsable de Desenvolvemento Sostible, cada persoa poderá acudir á horta, como máximo, unha hora ao día e dous días por semana; será obrigatorio o uso de mascarilla e luvas durante todo o tempo que se permaneza no interior do espazo, cando se estea en contacto co material e cos apeiros de labranza e tamén no almacén de material.

Ademais deben respectar a distancia social cos outros usuarios, mantendo en todo momento unha separación mínima de dous metros entre eles.